Estudantes da UVigo contribúen a materializar unha aplicación de RV para reducir o estrés no alumnado
martes, 11 de xuño do 2024
Traballar en grupos internacionais testando diferentes contornas e sentando os alicerces de novas aplicacións de Realidade Virtual para fomentar a calidade de vida no ambiente universitario foi o cometido de cinco estudantes da UVigo na experiencia inmersiva CalmCampus, celebrada na Universidade Politécnica de Lodz. Seleccionados a través dunha bolsa ofrecida polo proxecto VRxanny, no que se insería o workshop CalmCampus, os e as cinco estudantes foron elixidos de entre máis de preto dunha trintena de candidatos da UVigo, sen restrición de campus ou titulación.
Na súa experiencia en Polonia, Anxo Gesto e Pablo de las Llanderas, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación; Juan José López Escobar, do Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións; María Cerdeira, do Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento e Paola Costa, do Grao en Tradución e Interpretación, estiveron acompañados polos docentes e investigadores Itziar Goicoechea, da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Iñigo Cuiñas, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
O proxecto VRxanny, lembra Itziar Goicoechea, “busca desenvolver unha aplicación de Realidade Virtual con diferentes escenarios e actividades para promover a redución dos niveis de estrés nos estudantes cando se enfrontan a un exame”. Segundo indica, este problema viuse agravado coa pandemia, de xeito que “cando se solicitou o proxecto, estimouse que un 20% do alumnado sufría estrés de xeito continuado (e, por suposto, unha porcentaxe máis grande en momentos puntuais do curso). E para o comezo do proxecto, aló por novembro de 2021, a porcentaxe de estudantes con estrés continuado subira ao 40%”, explica a docente da UVigo.
Nesta recta final do proxecto, os promotores propuxéronse probar a aplicación de RV con alumnado das universidades do consorcio que participan en VRxanny: Universidade Politécnica de Lodz, Universidade de Vigo, Universidade de Tartu en Estonia, e Universidade de Lodz en Polonia, para o que organizaron o obradoiro CalmCampus, no que o alumnado traballou en grupos internacionais para testar as diferentes contornas, proporcionar a súa opinión sobre as cousas que funcionan ben e aquelas que deben mellorar, e pensar posíbeis novas aplicacións de realidade virtual no ambiente universitario, que poidan dar lugar a futuros traballos colaborativos.
“O obradoiro resultou moi proveitoso para os e as participantes, tanto profesorado como estudantes, que tiveron a oportunidade de relacionarse nun ambiente relaxado, de probar diferentes propostas de realidade virtual inmersiva, de desenvolver a súa propia creatividade, e tamén, por que non, de coñecer un país e unha cultura diferentes e moi interesante como é a polaca”, explican Goicoechea e Cuiñas.
No caso concreto do alumnado da UVigo, Anxo Gesto e Pablo de las Llanderas, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, e Juan José López Escobar, do Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións achegaron a súa visión tecnolóxica; mentres que María Cerdeira, do Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, e Paola Costa, do Grao en Tradución e Interpretación, sumaron puntos de vista dende ámbitos menos próximos á programación de aplicacións, pero fundamentais para crear a inmersividade que buscan as propostas de RV. A eles sumáronse estudantes de Psicoloxía da Universidade de Lodz, de diferentes enxeñarías da Universidade Politécnica de Lodz, e de varias titulacións (dende a enxeñaría ata artes) da Universidade de Tartu.