Estudantes da UVigo deseñan un videoxogo ambientado na Idade Media
mércores, 6 de novembro do 2024
Un dos relatos que integran Medievalario, o libro sobre a Idade Media do escritor vigués Fran Zabaleta, constitúe o punto de partida do proxecto de videoxogo que ao longo deste cuadrimestre desenvolve un grupo de estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación.
Fano no marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt, que busca “achegar o alumnado aos procesos de traballo na industria do videoxogo, a través dunha experiencia que leva a estudantes destas dúas titulacións a traballar conxuntamente no deseño e desenvolvemento da primeira fase dun videoxogo, no marco da súa formación en diferentes materias”, informou a UVigo, engadindo que a iniciativa é promovida desde 2017 polas/os docentes Beatiz Legerén, Antonio Pena, Enrique Costa e Luis Fernández tomando como punto de partida cada curso unha obra literaria ou guión cinematográfico dun autor ou autora galega, como é neste caso El husmo de la tierra, unha das tres novelas curtas que integran Medievalario.
Guionista de documentais, editor e autor de novelas e libros de viaxe, historia e divulgación, Zabaleta coñecía nos últimos días, nun encontro por vídeo-conferencia, o proxecto de videoxogo no que traballan dez alumnos e alumnas, Ecos del Bosque.
Publicada en 2011, Medievalario reúne un conxunto de historias protagonizadas por personaxes que representan os diferentes estamentos daquela sociedade, das que o grupo ComTecArt seleccionou a protagonizada, como recolle o texto de presentación do libro, por “un rapaz campesiño que vive nunha pousada do Camiño de Santiago, de pai descoñecido e tan fermoso que todos creno fillo do demo”.
Cinco alumnos e alumnas da Facultade de Comunicación e outros cinco da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación integran o equipo de traballo responsábel de levar a cabo este videoxogo e do que forman parte, como lembra Antonio Pena, tres estudantes procedentes de Corea, Montenegro e Croacia, que se forman no presente curso na UVigo ao abeiro de diferentes programas de mobilidade internacional. Nos últimos días, este grupo presentaba a Zabaleta a proposta de xogo na que se atopan traballando, Ecos del Bosque, “un role playing game en terceira persoa”, no que o a persoa xogadora controla a Roi, o neno protagonista do relato, “co obxectivo de conseguir que sobreviva”, explicaron. O xogo arranca cando este personaxe “esperta só nun bosque, morto de fame”, o que levarao a buscar alimentos, primeiro no propio bosque, logo nunha aldea, “na que todos foxen del” e finalmente nunha granxa, na que se atopa con outro dos personaxes do relato.