Estudantes de Comunicación Audiovisual da UVigo deseñan a web da cooperativa Rexenerando

mércores, 11 de decembro do 2024 S. P.

Na mañá deste martes 10 de decembro, 40 alumnas e alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual enfrontábanse ao exame práctico da materia Desenvolvemento de proxectos web, no que tiveron que facer fronte a un caso real de creación dun proxecto. Máis polo miúdo tiveron que desenvolver nun prazo de cinco horas unha “proposta de redeseño” do portal web da cooperativa Rexenerando. A actividade completouse coa presentación dunha proposta de web “completamente funcional” que poderá ser empregada por esta cooperativa de Ferrol.
“Somos unha entidade pequena da economía social e solidaria, un equipo de catro persoas que traballa no eido sociocultural en proxectos artesanais”, explicou Olga Romasanta, responsábel de comunicación de Rexenerando, que ao inicio da xornada encargábase de presentar por videoconferencia ao alumnado tanto as áreas de traballo da organización, que centra o seu labor na participación social, a igualdade e diversidade e a cultura, memoria e lingua, como o tipo de web co que quererían contar.
Romasanta sinalou que “un dos retos para entidades como a nosa” é precisamente “saber contar o que facemos”, o que levouna a pór de relevo a importancia desta colaboración, “porque interésanos moito saber como outras persoas que se están formando neste campo contarían dun xeito visual quen somos e que facemos”. Explicou que a cooperativa atópase actualmente “nun proceso de redefinición real da nosa páxina web”, de tal xeito que esta iniciativa non só serviu para enfrontar o alumnado a un “caso real”, senón para que esta entidade puidese reunir unha serie de propostas, das que, sinalou, “seguro que podemos tirar proveito”.
Pola súa banda, o profesor Xabier Martínez Rolán, responsábel desta materia, sinalou que esta actividade contou tamén coa colaboración da empresa Dinahosting, que cedeu o espazo no que as e os estudantes puideron aloxar a proposta que deseñaron ao longo da mañá. Previamente, recibiron un briefing que reunía información tanto sobre os ámbitos de traballo e iniciativas da cooperativa como do tipo de web que quererían, para logo manter un encontro virtual con Romasanta, no que solucionar posibles dúbidas antes de comezar a traballar na web, divididos en diferentes grupos.