Estudantes de Comunicación Audiovisual da UVigo súmanse á loita contra as noticias falsas

xoves, 23 de outubro do 2025 S. P.

O alumnado da Facultade de Comunicación achegará respostas sobre a desinformación en liñas través dos vídeos que difundirán ao longo deste cuadrimestre nas redes sociais, no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) coordinado polo profesor Alberto Dafonte. Desenvolvido coa colaboración da asociación Ecos do Sur, o proxecto Dixitais. Laboratorio dixital para a competencia dixital e mediática busca tanto que o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual comprenda “o fenómeno da desinformación e os seus efectos na sociedade”, como xerar unha de serie de recursos que poidan axudar á cidadanía a identificala e combatela.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade, trátase dunha iniciativa que Dafonte desenvolve desde o curso 2019/2020 e que contribúe á creación dun conxunto de materiais divulgativos, nos que abordan esta problemática “nun idioma atractivo para a súa xeración”, segundo sinala o tamén coordinador do grupo de innovación docente Dixitais.
Desta volta, preto de 40 alumnos e alumnas traballarán ao longo deste cuadrimestre na elaboración e difusión de dez vídeos que lles permiten “interiorizar os conceptos” abordados nas sesións teóricas, “buscar exemplos” dos múltiples tipos de desinformación existentes e constatar que esta problemática “é algo que está moi presente na súa vida cotiá”, recoñece Dafonte. Ao mesmo tempo, a súa difusión a través dos perfís que crean en redes sociais contribúe tamén a que esta iniciativa teña “unha repercusión social”, sinala o investigador. 
Este ApS conta un ano máis coa participación de Ecos do Sur, unha asociación galega fundada en 1991 e que centra o seu labor na loita contra as desigualdades. Desde 2016, traballa na prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en internet, a través da súa liña CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o premio á innovación social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Nesta liña de traballo insírense os seminarios que o equipo de comunicación desta organización impartía nas últimas semanas por videoconferencia ás e aos participantes neste proxecto e que permiten tamén, como sinala Dafonte, “conectalos coa sociedade” e, máis concretamente, cun axente “preocupado pola problemática da desinformación, que leva a cabo diferentes proxectos centrados na alfabetización mediática a na loita contra o discurso do odio”. 
No marco da súa formación na materia Propaganda en medios audiovisuais, o alumnado traballará ao longo do cuadrimestre, dividido en seis grupos, na elaboración e difusión de dez pezas breves, concibidas para redes sociais e nas que deberán abordar as catro temáticas propostas no proxecto. O primeiro destes traballos, explica Dafonte debe “centrarse necesariamente en explicar que é a desinformación”, mentres que nos nove restantes “teñen certa liberdade” para abordar as outras tres liñas do proxecto.
Unha delas son os “diferentes tipos de desinformación”, unha problemática que vai máis aló das fake news e abrangue tamén a difusión doutro tipo de contidos, desde os inventados ou aqueles que, cunha determinada intencionalidade, presentan unha realidade nesgada, ata o uso de imaxes reais cunha información contextual falsa ou intentos de suplantar a identidade de persoas e institucións. Así mesmo, explica Dafonte, os seus traballos deberán tamén afondar “en por que caemos ante a desinformación”, cales son os seus recursos narrativos e estratexias de distribución, para finalmente deterse “en que ferramentas existen” para facer fronte a esta problemática. 
Nestes meses, os diferentes traballos iranse incorporando ao repositorio dixital do proxecto, no que poden coñecerse os traballos realizados nas últimas edicións desta iniciativa.