Estudantes de Comunicación da UVigo, finalistas dun concurso estatal sobre o impacto da tecnoloxía

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

O xurado do concurso Pantallas para la reflexión, promovido pola plataforma Humansdid xunto con Movistar e no que se convidaba a estudantes universitarios de toda España a desenvolver propostas gráficas ou audiovisuais que reflexionen sobre o impacto da tecnoloxía na sociedade, escolleu finalmente 16 pezas finalistas, seleccionadas para exhibirse publicamente en soportes de Movistar. Entre elas atópase Ilusiones ópticas, unha proposta dun grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra (Grao den Publicidade e Relacións Públicas).
A súa proposta céntrase no papel da intelixencia artificial na sociedade actual, coa idea de pór de relevo, explican, que “a tecnoloxía pode xerar contidos, pero só o ser humano é capaz de interpretalos e darlles sentido”. Engaden que “para nós, ser finalistas é un recoñecemento moi importante”, sinala este grupo de estudantes integrado por Noelia Seijo, Pablo Trigo, Elia Puddu, Paula Veiga, Paula Moreno e Clara Omil.
A proposta pola que foron seleccionados, lembran, naceu como traballo para a materia Produción publicitaria na web e multimedia, impartida por Alberto Dafonte, na que tiveron que traballar, lembran “cun briefing real de Movistar”, o que implicaba que o enfoque do traballo “non fose só académico, senón tamén profesional”, así como idear “unha proposta con aplicación nun contexto real de comunicación”.
Tras a selección inicial por parte das propias escolas e universidades participantes, o xurado de Pantallas para la reflexión escolleu as 16 propostas finalistas, que optaban ao premio entregado este martes nun acto en Madrid, no que este grupo de estudantes estivo representada pola alumna Paula Veiga.
Desde entón e ata o vindeiro martes 28 de abril, as campañas finalistas exhíbense nos soportes de publicidade exterior de Movistar en múltiples puntos de España, así como nas tendas desta compañía.
“É todo un orgullo”, recoñece as alumnas e alumnos do Campus de Pontevedra, que na súa primeira participación nun concurso estatal viu referendada a súa capacidade de traballo en equipo. Ao mesmo tempo, a súa selección permitiu tamén “validar que unha idea nacida nun contexto académico pode ter un valor real nunha contorna profesional”. Nese senso, recoñecen esta iniciativa como “unha aprendizaxe moi valiosa”, mais tamén como un factor de motivación, que permite “demostrarnos a nós mesmos o potencial que temos e sentirnos valorados despois de estudar un grado que nos apaixona”.