Estudantes de Terapia Ocupacional, premiados no CITIC da UDC polos seus innovadores deseños inclusivos
mércores, 7 de maio do 2025
O CITIC da Universidade da Coruña acolleu este martes 6 de maio a xornada de presentación de resultados do estudo piloto do proxecto europeo Design2Freedom, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE). Esta iniciativa fomenta metodoloxías e produtos inclusivos a través do traballo conxunto entre estudantes, persoas con diversidade funcional e profesionais de distintos ámbitos.
Durante dous meses, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional da UDC traballaron en equipos mixtos con usuarios de ASPACE Coruña e COGAMI, e coa colaboración de profesorado e alumnado de Enxeñería, Educación, Logopedia e Traballo Social, para idear solucións tecnolóxicas a desafíos cotiáns.
Na xornada de clausura, un xurado mixto formado por Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Laura Nieto, docente e investigadora do CITIC da UDC; Jorge Liñares, usuario de ASPACE-Coruña; e Ángela Labandeira, representante de COGAMI, recoñeceu as solucións máis inclusivas e innovadoras.
O primeiro premio recaeu en O Cubilete de Joan, do que o xurado destacou o seu enfoque de deseño centrado na persoa e a maneira en que o equipo integrou as necesidades do usuario desde o inicio do proceso creativo. O traballo vira ao redor dun dispositivo personalizado proposto por Joan, de ASPACE Coruña, e o seu obxectivo principal foi deseñar un cubilete adaptado que lle permite manipular obxectos pequenos de forma máis eficiente. Durante o proceso, colaborouse con Joan e o seu contexto e expuxéronse dúas solucións con esquemas técnicos e medidas específicas, cun enfoque técnico, funcional e moi centrado nas necesidades do usuario.
O segundo galardón foi para un utensilio adaptado de cociña: unha culler con engrosador deseñada para facilitar o agarre e evitar escorregamentos. O equipo do proxecto denominado Agárrao Ben empregou técnicas como o modelado en arxila e a impresión 3D con materiais seguros para alimentación, desenvolvendo unha solución viábel e práctica. O seu obxectivo principal foi crear unha ferramenta adaptada que facilite o agarre e uso de utensilios.
Estudo europeo
Design2Freedom atópase en fase piloto en tres universidades europeas: Vilniaus Kolegija – VIKO (Lituania), Technicka Univerzita v Kosiciach – TUKE (Eslovaquia) e Universidade da Coruña – UDC (España). O obxectivo do proxecto é crear unha contorna de aprendizaxe inclusiva que capacite aos futuros profesionais para desenvolver produtos e servizos realmente centrados nas persoas.
A organización do piloto na UDC estivo a cargo do grupo Talionis do CITIC, que impulsa a aplicación da I+D+i en TIC con impacto social.