Estudantes de xornalismo achegan na Rede unha alternativa en primeira persoa ás guías sobre Santiago

mércores, 18 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Dicir algo novo sobre Santiago é tan difícil como inventar unha nova linguaxe. E aínda así, con palabras e frases novas, pode que volvas de novo ó rego. En contra túa e da túa arela de liberdade, tes moreas de guías turísticas, revistas, libros e páxinas web deseñados para facer a vida máis doada dos que visitan a cidade e, tamén, dos que viven nela. Mais, se hai alguén que poida sacarse ese peso e esa tradición de enriba (insistimos: tarefa complicada) é precisamente a xente nova.
Esa é precisamente a intención de corenta estudantes de cuarto curso de xornalismo da Universidade de Santiago, que veñen de pór en marcha unha guía alternativa en liña da capital de Galiza: Exploradores Urbanos.
O proxecto, en contra do que se poida pensar, non consiste en inverter a orde de valores, darlle a volta e poñer o de dentro para fóra e viceversa. Por exemplo: tirando fotos das rúas e casas menos favorecidas esteticamente (que as hai, e tamén en Santiago). Porén, do que se trata é de procurar novos enfoques, sacando proveito das posibilidades das novas tecnoloxías (recursos web, cámaras dixitais, móbiles) e facendo fincapé en todo o que de interesante hai na cidade e que, polas razóns que sexan, non adoita a aparecer nas guías nin a ser visitado polos turistas e habitantes.
Ademais, tamén se trata de achicar espazos co lector ou usuario da web, a través de varios recursos innovadores: poñéndose os estudantes en primeira persoa e relatando experiencias propias de seu nas rúas de Santiago, en calquera hora do día e en diferentes épocas do ano. Ó seu xuízo, esta aproximación ó lector e/ou usuario, lonxe de reducir a calidade do produto, achega un valor engadido. É dicir: a cercanía e case con toda probabilidade aquilo polo que devecen os turistas, malia que aínda non o saiban.
O proxecto está coordinado polo noso compañeiro o profesor Manuel Gago e xurdiu no eido das materias Creación de Produtos na Rede e Obradoiro de Aplicacións na Rede de cuarto curso de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Estes son os seus eixes temáticos principais, achegados directamente polos responsables da iniciativa:

· A noite en Santiago. Redescubre a zona de copas da cidade localizando bares e pubs aos que se dirixen hoxe os mozos (e os non tan mozos), sen esquecer os locais característicos da noite compostelá.

· Gastronomía inesperada. Fuximos da Tarta de Santiago e do lacón con grelos para descubrir novos sabores e sensacións culinarias que nacen froito da experimentación e dun importante toque persoal.

· De compras. Saímos polas rúas da cidade para queimar a tarxeta nas tendas máis singulares de Compostela. Búscase un comercio diferente, ben polo seu produto ou pola súa historia.

· Lecer alternativo. Buscamos xeitos diferentes de pasalo ben: apuntarnos a escolas de circo, manter conversas en diversos idiomas ou participar en xogos de rol.

· A tres grados de separación. Consiste en coñecer Santiago a través de distintos personaxes e por medio do boca a boca. O protagonista de cada historia recomendará outros tres coñecidos e o público votará a quen prefire.

· O patrimonio contemporáneo. Fixamos a nosa atención na arquitectura recente de Santiago polo contraste que suscita co casco histórico.

· O patrimonio histórico que non coñeces. Saca á luz elementos e anécdotas descoñecidas das zonas tradicionais e edificios históricos de Santiago.

PUBLICIDADE