Estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo visitan a oficina de Altia na Cidade das TIC
martes, 18 de febreiro do 2025
Un grupo de 24 estudantes de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (A Coruña) visitaron na mañá deste 18 de febreiro a oficina da compañía tecnolóxica Altia na Cidade das TIC, da Coruña, no marco da quinta edición do programa educativo Empresa Familiar nas Aulas, que promoven a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, a Obra Social de Abanca.
Manuel Saz, director da oficina de Altia na Cidade das TIC, foi o encargado de guiar aos estudantes no seu percorrido polas instalacións. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer ao equipo de profesionais e asistiu a unha presentación sobre os principais proxectos de dixitalización da compañía tecnolóxica e sobre a súa participación na Cidade das TIC.
“Este proxecto está deseñado para potenciar o sector TIC e o seu tecido empresarial, reforzando a nosa posición no mapa tecnolóxico e xerando oportunidades de colaboración e innovación”, sinalou Manuel Saz, engadindo que “a Cidade das TIC ofrece unha infraestrutura moderna e recursos que facilitan a colaboración entre empresas e entidades educativas, o que é fundamental para fomentar a innovación e o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas”.
A visita deste martes 18 compleméntase coa conferencia impartida o pasado 4 de febreiro por Jaime Saavedra, director da sede de Altia en Oleiros, nas instalacións do centro educativo de Culleredo. Na charla, Saavedra explicou aos estudantes a historia e actividade da empresa, como compañía creadora de solucións dixitais, e o seu propósito de medrar “facendo crecer aos seus clientes de forma sostíbel, grazas ao talento de 4.000 profesionais en máis de 25 localizacións de 9 países”.
Jaime Saavedra destacou na súa exposición, ademais, o valor que achegan as empresas familiares da contorna no tecido económico e a relevancia do sector TIC e da formación. “É importante que as novas xeracións coñezan o papel vertebrador das empresas familiares, con vocación de crecemento e continuidade como Altia, na que un dos seus fundadores, Constantino Fernández, segue sendo hoxe o seu presidente, 30 anos despois”, subliñou o directivo, engadindo que “a compañía continúa medrando cos mesmos valores e propósito, impulsando o cambio dixital dos seus clientes”.