Estudantes do IES de Ames achéganse á técnica de impresión en 3D grazas á UVigo
martes, 14 de maio do 2013- A impresora instalada no IES de Ames
O pasado luns 13 de
maio o Instituto
de Ensinanza Secundaria (I.E.S.) de Ames
acollía unha demostración de fabricación de pezas mediante
impresión 3D así como unha exposición representativa de pezas
fabricadas polos estudantes do mesmo centro. Cómpre dicir que esta
actividade
foi organizada polo vicerreitor e director do grupo José Antonio
Vilán, e os investigadores Enrique Casarejos e Alfredo Iglesias, do
Departamento de Enxeñaría Mecánica da Universidade
de Vigo. Deste xeito, os estudantes do centro
de secundaria inícianse no uso deste tipo de técnicas de
prototipado
rápido mediante impresión 3D. Pois nos últimos tempos tense falado
moito desta técnica de impresión en 3D xa que vén de fabricarse
nos EE.UU. unha pistola con esta técnica, que permite prototipar,
crear un obxecto, personalizalo ou experimentar sendo posible
fabricar prototipos, maquetas ou facer probas de deseño.
Emporiso, non fai
falla ir tan lonxe pois aquí tamén temos unha destas impresoras en
3D, máis polo miúdo, o grupo CIMA
(Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción)
pertencente á Universidade viguesa, que ven de converter a esta
ferramenta de deseño e fabricación nun instrumento didáctico e de
divulgación na devandita xornada levada a cabo no IES de Ames.
Asemade, este tipo de actividades perseguen -segundo verbas do
profesor Iglesias- “promover a
formación de estudantes de bacharelato nas técnicas de deseño e
prototipado rápido de pezas, empregando unha impresora 3D FDM de
sobremesa e software libre de deseño 3D”.
Alén disto, este encontro servía tamén para que alumnas e alumnos
de secundaria descubriran as actividades de I+D levadas a cabo na
Universidade de Vigo, facilitando a súa participación na produción
de prototipos de compoñentes e sistemas desenvolvidos polo grupo
CIMA. En concreto, traballan na construción dunha maqueta da
estrutura mecánica do detector calorímetro CALIFA do experimento
R3B para o centro de investigación en física nuclear FAIR en
Alemaña. De feito, as pezas e maquetas que os estudantes fabrican
están sendo postas á venda para poder axudar a financiar unha viaxe
a este centro punteiro.