Estudantes galegos deseñan drons para previr accidentes laborais
luns, 23 de marzo do 2026
Preto de 180 estudantes de 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de centros educativos de toda Galicia xa completaron as formacións tecnolóxicas da V Liga Maker Drone, unha iniciativa impulsada pola Fundación Barrié e o centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia). Agora poderán aplicar o aprendido nestas sesións para rematar de construír os seus sistemas dron, nos que levan traballando desde novembro e cos que competirán na final do 8 de maio no Coliseum da Coruña.
O equipo gañador desta V edición gozará dunha visita exclusiva ao Centro de Control Aéreo da Terminal de Santiago de Compostela, xestionado por Enaire.
En total, os participantes recibiron 14 horas de formación desde o mes de novembro, desenvolvidas nos seus propios centros educativos e divididas en tres áreas: introdución á pilotaxe de drons, formación tecnolóxica e adestramento de voo. A sesión inicial, de dúas horas, abordou os fundamentos da pilotaxe, incluíndo compoñentes e funcionamento do dron, normativa de seguridade, montaxe e mantemento, ademais de prácticas co modelo Syma X5C.
Logo as e os estudantes completaron seis horas de formación tecnolóxica en materias como materiais e fabricación, mecatrónica e sistemas avanzados de integración prototipo-dron, adquirindo as bases necesarias para deseñar e programar o sistema co que resolverán o reto desta edición. Finalmente, os equipos están agora inmersos en sesións de adestramento en voo co dron F450, a última fase da programación formativa da liga que lles permitirá perfeccionar as súas habilidades de pilotaxe para a gran final.
A formación representa preto do 50% da competición, con sesións teórico-prácticas sobre seguridade e uso de drons, materiais e fabricación, mecatrónica, sistemas avanzados e adestramento en voo, entre outras. Ademais, a organización proporciona aos equipos os recursos materiais necesarios para construír o seu sistema dron.
A liga Maker Drone é unha iniciativa coa que o centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos e facer que tomen conciencia da relevancia da tecnoloxía en aplicacións da vida diaria. Na última edición, a porcentaxe de alumnos interesados en orientar o seu futuro cara a disciplinas STEM (siglas de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría e Matemática) pasou do 48 ao 62% tras a súa participación na competición.
O reto
O desafío ao que terán que enfrontarse os participantes da V Liga Maker Drone consiste en deseñar e construír un sistema dron para levar a cabo tarefas de mantemento en altura que supoñen un risco para a vida das persoas. Deste xeito, a organización propón aos estudantes abordar unha problemática social real e de gran impacto: a prevención de accidentes laborais por caídas desde altura.
A resolución de problemas con impacto social mediante o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas foi o fío condutor dos retos expostos na Liga Maker Drone desde a súa primeira edición. O curso pasado, o desafío consistiu en transportar medicamentos a centros sanitarios situados en zonas de difícil acceso; o ano anterior, neutralizar niños de avespa velutina; e, nas dúas primeiras edicións, recoller lixo marítimo e apagar incendios, respectivamente.
Os participantes levan desde novembro poñendo a proba o seu enxeño e a súa capacidade de traballo en equipo no desenvolvemento dun sistema dron que dea resposta ao reto exposto. As solucións serán avaliadas por un xurado experto na xornada de exhibición que se celebrará o 8 de maio de 2026 no Coliseum da Coruña.
Tanto nas roldas eliminatorias como na rolda final, gañará o equipo que logre completar o reto no menor tempo. O xurado tamén outorgará, como vén sendo habitual, catro premios especiais: ao mellor deseño, a solución máis disruptiva, a destreza en voo e a mellor presentación.
A colaboración especial nesta edición de Enaire, o xestor da navegación aérea en España, permitirá que o equipo gañador goce dunha exclusiva visita ao Centro de Control Aéreo da Terminal de Santiago de Compostela. Durante esta experiencia, os estudantes coñecerán de primeira man o funcionamento do sistema de xestión do tráfico aéreo e o papel que desempeñan as infraestruturas e os profesionais que garanten a seguridade e eficiencia do espazo aéreo.
A visita incluirá unha sesión introdutoria sobre a actividade de Enaire e un percorrido por distintas áreas das instalacións, permitindo aos estudantes achegarse ao funcionamento real da navegación aérea e reforzar o seu interese polas disciplinas tecnolóxicas.
Os 18 centros seleccionados proveñen das catro provincias galegas. Da provincia de Pontevedra participan o CPR As Acacias, CPR Montecastelo e IES Carlos Casares, de Vigo; o CPR Ángel da Guarda, de Nigrán; o CPR Eduardo Pondal, de Cangas; e o IES Ría de Arousa. Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos; e o CPI Castroverde.
De Ourense, pola súa banda, participan o CPR Santa María - Maristas, o CPR Divina Pastora e CPR María Auxiliadora - Salesianos. Por último, da provincia da Coruña van participar seis centros: CPR San José de Cluny, de Santiago de Compostela; IES Fin do Camiño, de Fisterra; CPR Montespiño, de Culleredo; CPR Cristo Rey, da Coruña; EFAG Fonteboa, de Coristanco; e IES Isaac Díaz Pardo, de Sada.
