Estudantes galegos obteñen o recoñecemento internacional do eido da computación de altas prestacións

mércores, 25 de maio do 2011 Raquel Noya

O primeiro premio do First International ComplexHPC Challenge, un evento aberto a participantes do ámbito da computación de altas prestacións (HPC) de todo o mundo, acaba de vir para Galicia, da man do equipo formado por Roberto Rey Expósito e Sabela Ramos Garea, estudantes da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que presentaron o traballo The F-MPJ Challenge: Solving Complex Problems on Hierarchical Architectures with Java.
Trátase dun proxecto que mellora o rendemento da aplicación bioinformática, ProTest3, a través do soporte eficiente que proporciona a biblioteca na que están a traballar: a F-MPJ.
O First International ComplexHPC Challenge, celebrouse o pasado 11 de maio en Amsterdam, no marco da First ComplexHPC Spring School, unha escola que reunía a investigadores da computación de altas prestacións chegados de todo o mundo.
Roberto Rey, alumno do Máster en Computación de Altas Prestacións, e Sabela Ramos, bolseira do programa de Formación do Profesorado Universitario (FPU), foron admitidos nesta escola cuns números clausus de 50 prazas, e posteriormente, a súa candidatura quedou entre as 3 finalistas.
O xurado do evento, logo de ver unha demostración do seu proxecto, elixiu o traballo galego baseándose en criterios académicos, de eficiencia da solución e de potencial de aplicación no ámbito industrial.
Roberto Rey Expósito é primeiro premio de proxectos do Colexio de Enxeñaría Informática, mentres que Sabela Ramos Garea é primeiro premio fin de carreira nos eidos nacional, autonómico e da UDC en Enxeñaría Informática, ademais de desenvolver na actualidade a súa tese de doutoramento no Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC. A biblioteca na que traballan, F-MPJ, segundo informan dende a entidade académica, “está a ser utilizada en numerosos ámbitos, entre eles o das aplicacións paralelas en bioinformática, como as desenvolvidas no seo da Rede Galega de Bioinformática (RGB) e da Rede Galega de Computación de Altas Prestacións en colaboración coa Universidade de Vigo”.

PUBLICIDADE