Europa prepárase para pór freo aos xigantes chineses do comercio electrónico

mércores, 5 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

A Comisión Europea está a propor un novo programa de medidas para «un comercio electrónico seguro e sustentable» fomentando novos controis aduaneiros e outras accións de protección dos consumidores e de aplicación da Lei de Servizos Dixitais e a Lei de Mercados Dixitais.
Aseguran que en 2024 entraron no mercado da Unión Europea preto de 4.600 millóns de envíos cun valor inferior a 150 euros, ou sexa, máis de 12 millóns de paquetes diarios (o dobre que en 2023 e o triplo que en 2022), que en numerosas ocasións contiñan produtos que incumpren a lexislación europea por ser nocivos, inseguros ou corresponderse a falsificacións, provocando un risco para os cidadáns, prexuízos para os negocios locais (expostos a unha competencia desleal) e incluso provocan unha situación que ambientalmente non é sustentable.
Ante este escenario propoñen unha reforma aduaneira (suprimindo a excepción de aranceis para os produtos de menos de 150 euros), medidas específicas para as mercadorías importadas (maior control dos produtos importados, para retiralos do mercado cando sexa preciso), aplicación da DSA e da DMA para protexer aos cidadáns nos mercados dixitais, empregar novas ferramentas para facilitar a supervisión do comercio electrónico, perseguir a protección do medio ambiente modificando a Directiva europea marco sobre residuos e sensibilizar a consumidores e comerciantes mediante campañas.
Este tipo de medidas poderían ter un importante impacto en compañías como Shein, Temu e AliExpress, que moven moitos produtos de reducido valor polo que se benefician do marco actual. De feito, a Rede de Cooperación en materia de Protección dos Consumidores (CPC) e a Comisión Europea aseguran ter informado a Shein sobre a posta en marcha dunha acción coordinada.