Europa quere impor o USB-C como porto de carga para dispositivos móbiles

xoves, 23 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Thierry Breton retratado por Jennifer Jacquemart

Tras moitos anos de medidas de adopción voluntaria por parte da industria da electrónica de consumo, a Comisión Europea por fin dá un paso cara á imposición do USB-C como porto de carga de smartphones, tabletas, cámaras, auriculares, altofalantes portátil e videoconsolas portátiles, cunha proposta lexislativa que tamén busca a harmonización da tecnoloxía de carga rápida, polo que preparan o camiño para levar a que os cargadores dos dispositivos electrónicos se venda por separado, co que buscan mellorar a comodidade dos consumidores e reducir a pegada ambiental.
A vicepresidenta executiva para unha Europa Adaptada á Era Dixital, Margrethe Vestager, asegurou que os europeos experimentamos «frustración dabondo polos cargadores incompatibles que se acumulan nos caixóns» ao que o comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, engadiu que «coa nosa proposta, os consumidores europeos poderán utilizar un único cargador para todos os seus dispositivos electrónicos portátiles, un grande paso para aumentar a comodidade e reducir os residuos».
A Comisión Europea tamén busca que se mellore a información dirixida aos consumidores, para que se coñeza claramente o potencia requirida por cada dispositivo e se admite carga rápida, para que poidamos saber se os trebellos son axeitados cos cargadores que xa temos na casa.
O máis rechamante desta medida é que teñan que reformar a Directiva que regulaba este aspecto basicamente pola teima de Apple por continuar a utilizar o conector Lightning no iPhone, porque practicamente todos os demais dispositivos (incluso varios modelos de iPad) levan anos adoptando o USB-C como porto de carga, e incluso hai varios fabricantes que comezaron a deixar de incluír o cargador dos seus dispositivos.
A proposta presentada hoxe terá que ser adoptada polo Parlamento Europeo e o Consello, tras o que haberá un período de transición de 24 meses para que os fabricantes poidan adaptarse, aínda que o máis probable é que sexan moi poucas as compañías que teñan que mudar de prácticas para adaptarse á lexislación europea.

PUBLICIDADE