Europe Direct e a mocidade da Coruña enchen Instagram de información sobre a UE
venres, 5 de abril do 2024
Mozos e mozas da provincia da Coruña serán durante as vindeiras tres semanas Embaixadorxs Destino Europa, co que axudarán difundir as iniciativas da Unión Europea para a mocidade a través das súas redes sociais. Trátase dunha campaña da oficina Europe Direct da Deputación da Coruña que comezou este 4 de abril e poderá seguirse a través da rede social Instagram baixo o cancelo #Embajadorxs2024 ata o día 26 deste mes.
Durante este tempo, nove mozos e mozas da provincia de entre 18 e 25 anos compartirán entre os seus seareiros información de programas como o Erasmus Plus, o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, as Eleccións Europeas 2024, a rede EURES, o concurso DiscoverEU e o Interreg Volunteer Youth.
O grupo de embaixadoras/es participa en dúas reunións en liña preparatorias nas que se lles proporciona información precisa para desenvolver o seu papel. A primeira estivo orientada a coñecerse e recibir apoio e formación para desenvolver a campaña. No segundo encontro, que se celebrou onte, día do comezo das publicacións da campaña, tiveron oportunidade de conversar coa responsábel de Comunicación da Representación da Comisión Europea en España e con outros mozos e mozas que tamén serán embaixadores polo centro Europe Direct de Asturias, que colabora con Europe Direct A Coruña para dar unha dimensión estatal á iniciativa.
Unha vez realizado o seu labor de embaixadorxs, os e as participantes serán premiados cun bono Interrail Global Pass, que lles permitirá viaxar por Europa durante un mes cun número total de sete días de transporte en ferrocarril.
Europe Direct organiza esta actividade dentro da programación do ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mocidade as oportunidades que existen dentro da UE. O obxectivo da proposta é “implicar á xuventude da provincia para que se active como cidadanía europea e tamén achegar información sobre as oportunidades da UE á xente moza”.
Máis información dispoñible na páxina web da institución provincial coruñesa.