Euskaltel asina un acordo con Orange que lle permite o acceso á tecnoloxía 5G

xoves, 15 de outubro do 2020 Sonia Pena

O Grupo Euskaltel, do que forma parte a operadora galega R, vén de formalizar un acordo con Orange centrado no estándar móbil 5G e que lle outorga ao grupo vasco e as súas diferentes divisións (Euskaltel, Telecable, R) a posibilidade de ofrecer aos seus clientes a dita tecnoloxía. Farao como operador móbil virtual aloxado na rede de Orange, a partir do 2022. Segundo se estipula na alianza, as partes poderán negociar o adiantamento desta data ao momento en que Orange lance o servizo 5G a nivel comercial de maneira masiva.
Euskaltel explica que esta nova colaboración con Orange “constitúe un novo paso” nos acordos asinados entre as dúas compañías anunciados o pasado 13 de decembro de 2019, un paso que garante aos clientes do grupo “o acceso aos servizos móbiles de telecomunicacións máis avanzados a través dunha rede de calidade 5G”, ao tempo que se blindan as capacidades para “dar resposta a todas as novas necesidades de servizos de datos móbiles que xurdan no futuro aos usuarios”.
O novo acordo terá a mesma duración que os acordos para o servizo de operador móbil virtual vixentes na actualidade con Orange (xuño de 2024).
O conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García, sinalou que “se trata dun acordo moi importante para o Grupo Euskaltel, xa que nos permite garantir o acceso ás redes tecnolóxicas máis avanzadas de 5G para poder ofrecer aos nosos clientes produtos e servizos de máxima calidade e valor. Este acordo permítenos dar o mellor servizo a nosos clientes existentes, así como aos novos clientes da expansión nacional”.

PUBLICIDADE