Evercade, unha nova consola portátil retro que funciona con cartuchos

luns, 25 de maio do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro 12 de xuño chegará ás tendas unha curiosa consola portátil de aire retro, a Evercade, que conta con xogos únicos de grandes compañías que poderán cargarse a través de cartuchos recompilatorios. Esta consola ten unha pantalla de 4,3 polgadas (o mesmo tamaño que tería a pantalla da PSP), aínda que tamén ten saída HDMI por se queremos xogar no televisor; a súa batería de 1.200 mAh permitiría xogar até 4 horas en mobilidade (sendo tamén posible xogar coa consola conectada a corrente); e os seus xogos de 8 e 16 bits cargaríanse en cartuchos con 6-20 títulos incluídos.
Esta curiosa proposta chega nun Starter Pack que por 69,99 euros inclúe a consola co cartucho Namco Museum Collection 1 (que inclúe clásicos como PacMan, Xevious ou Galaxian), mentres que a edición Premium Pack incluiría tamén os cartuchos Interplay Collection 1 (con xogos como BattleChess e Earthworm Jim) e Atari Collection 1 (con xogos como Asteroid, Centipede, Misile Command ou Video Pinball) a un prezo de 89,99 euros.
Os cartuchos para esta consola poderán mercarse por separado a un prezo de 17,99 euros, entre os que estarían Atari Collection 2, Data East Collection 1, Interplay Collection 2, Mega Cat Studios Collection 1, Namco Museum Collection 2, Typiko Colleciton 1 e Technos Collection 1, aos que sumaranse máis adiante outros cartuchos entre os que podemos destacar dúas recompilacións de xogos de Atari Lynx.

Tráiler de presentación da Evercade

Os cartuchos recompilatorios son unha interesante opción para os que queren gozar legalmente de xogos retro

PUBLICIDADE