Everis busca proxectos na nosa terra para representar a España no seu concurso internacional

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

A multinacional tecnoloxía Everis presentou a 20 convocatoria dos seus Premios Everis ao Emprendemento, agora eAwards, cunha dotación de 20.000 euros. A Fundación Everis está a buscar en Galcia proxectos tecnolóxicos e innovadores para representar a España no seu concurso internacional.
Durante 2021, os eAwards buscarán en 11 países de Europa e América Latina proxectos baseados en tecnoloxías de alto impacto que “melloren a calidade de vida e/ou solucionen problemas ambientais a través de modelos de negocio dixitais e/ou do uso intensivo da tecnoloxía”.
Como dixemos, o proxecto gañador da convocatoria española recibirá 20.000 euros, un programa de aceleración especializada e un pase á final internacional dos Global eAwards, na que optará a 60.000 euros adicionais.
Everis pon o foco na nosa terra en parte debido á súa forte presenza en Galicia, con sedes de seu e múltiples proxectos impulsados dende aquí, e en parte porque, segundo confirma o último informe GEM (Global Entrepreneurship Monitor) Galicia é “unha comunidade altamente innovadora e na que se está a afianzar o emprendimiento feminino, ocupando as primeiras posicións no ranking nacional español”.
Para Karla Alarcón, directora xeral da Fundación Everis, “ao longo destes 20 anos comprobamos o enorme potencial dos emprendedores galegos que participaron nos nosos premios. De feito, en 2018 unha startup de Vigo, Alén Space, foi finalista internacional polo deseño, fabricación e operación de pequenos satélites para oportunidades de negocio no espazo. Nesta nova edición, animamos ás galegas e galegos a presentarse cos seus proxectos tecnolóxicos. Confiamos neles e nas súas propostas que poden ser clave para a recuperación económica e social”.
As empresas interesadas poden presentar as súas candidaturas aos eAwards Spain en eawardsspain.es até o 21 de xuño. Unha vez pechado o prazo de inscrición, comezará a fase de análise das propostas recibidas para elixir os semifinalistas, quen presentarán os seus proxectos ante un xurado de expertos que decidirá que iniciativas pasan á seguinte fase. Tras a súa elección, celebrarase a final dos eAwards Spain 2021 para elixir o gañador, que recibirá 20.000 euros, acceso a un programa de aceleración especializado e un pase á final internacional dos Global eAwards.

PUBLICIDADE