Éxito de participación da xornada Erros x Aprendizaxes da Deputación da Coruña e o Clúster do Ecommerce

venres, 14 de marzo do 2025 S. P.

A Deputación da Coruña impulsou este xoves 13 de marzo no recinto PALEXCO (A Coruña) a terceira edición da xornada Erros x Aprendizaxes, un evento que pon o foco nos erros cometidos na xestión do comercio electrónico como “ferramenta clave para a aprendizaxe e o crecemento dos negocios en liña”.
A inauguración do evento contou coa participación de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsael da área de Promoción Económica e Turismo, e de Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego.
O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou durante a súa intervención a necesidade de “apoiar o sector do comercio electrónico dende as administracións públicas” e “axudar as persoas que emprenden no ámbito dixital, que se atopan con múltiples trabas e complicacións que afrontar”.
Regueira fixo referencia a "retos importantes como a loxística, a fidelización, a Intelixencia Artificial..." e tamén "ao dos aranceis como consecuencia do panorama actual de comercio internacional".
Pola súa banda, Xosé Luis Reza destacou a importancia de compartir erros e aprendizaxes dentro do sector: "O comercio electrónico non é tan sinxelo como moitas veces se pensa. Emprender neste sector require esforzo, estratexia e resiliencia. É por iso que eventos coma este son fundamentais, xa que permiten que os profesionais aprendan dos erros doutros e eviten caer nas mesmas trampas". Tamén resaltou o papel do Clúster do Ecommerce Galego como un espazo para reducir a curva de aprendizaxe e mellorar a competitividade das empresas galegas no ámbito dixital.
A xornada reuniu a destacados profesionais do comercio electrónico e do mercadotecnia dixital, quen compartiron os seus erros e aprendizaxes a través de relatorios e casos prácticos. Entre os relatores deste ano estiveron Sara Torreiro (Granxa de Xanceda), Yago Fernández (Cero de Costa), Iván Expósito (Dinahosting), Alfonso Martínez (Accesibilidade Web), Miguel Ángel Vilariño Fuentes (Correos), Carlos Martínez (Ecoballution), Rodrigo Varela (El Amasadero), Carla García (Motive.co), Lorena García (Pets & Vets) e Josep Casas (Food for Joe), entre outros.
Ademais dos relatorios individuais, a xornada incluíu espazos para o networking e o intercambio de experiencias entre asistentes e relatores, fomentando un espazo de aprendizaxe mutua e colaboración.
O evento, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego, reafírmase como “un punto de encontro imprescindíbel para os profesionais do sector, impulsando a transformación dixital e a mellora continua das empresas galegas de comercio electrónico”, explicaron fontes da institución provincial.