Éxito de participación dos cursos de alfabetización e competencias dixitais de Poio

xoves, 10 de outubro do 2024 S. P.

A terceira e cuarta edicións dos Cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais que o Concello de Poio está organizando na Aula da Reiboa chegan á súa recta final. Dicir que se levarán a cabo catro sesións máis antes de rematar o ano: do 14 ao 23 de outubro e do 4 ao 13 de novembro, nos dous casos en horario de mañá e de tarde.
Informar que arredor de 40 persoas remataron con éxito estas formacións tecnolóxicas transversais e así o confirmaron o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, que se desprazaron até o local para interesarse pola evolución e opinión do alumnado que participou nestas formacións.
En total, son oito as formacións gratuítas que se están organizando ao longo do ano e que buscan facilitar ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, empregando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.
Moldes agradeceu o interese que amosou o alumnado coa actividade e sinalou que supón unha oportunidade para reducir a fenda dixital, para formarse en competencias que favorecen a súa empregabilidade, que favorecen a súa conectividade e que son imprescindíbeis tamén para facer xestións básicas.
Indo aos cursos, cad un deles ten 32 horas de duración, e impártese na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa. As persoas interesadas pódense inscribir en calquera dos cursos que quedan por celebrarse nun formulario que atoparán na páxina web de Poio dixitaliza ou solicitar información no teléfono 604 039 575.
Entre os contidos inclúense módulos de: Tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), Información e alfabetización dixital (6 horas), Comunicación e colaboración online (6 horas), Creación de contidos dixitais (6 horas), Seguridade na rede (6 horas) e Resolución de problemas (6 horas).
Finalizada a formación, porase a disposición do alumnado que o solicite un servizo de acompañamento para acreditar as competencias. Este proceso de asesoramento adaptarase ás necesidades individuais de cada persoa, e incluirá unha entrevista persoal, información sobre procedementos e requisitos que deben cumprir, recompilación de documentación e asistencia até completar o proceso.