Éxito de participación entre a mocidade galega dos obradoiros Girl STEAM do CPETIG
venres, 15 de setembro do 2023
O
Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de
Galicia (CPETIG) fixo balance da actividade xerada polos obradoiros
Girl STEAM realizados en 15 concellos de toda Galicia,
organizados pola entidade que preside Marcos Mata a través da rede
de Aulas CeMIT en colaboración coa Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Estas actividades, dirixidas
principalmente a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas
entre a mocidade, facendo especial fincapé nas mozas (co obxectivo
de reducir a fenda de xénero nos estudos STEM), obtiveron un
importante éxito de participación e seguimento, segundo apuntou o
colexio no seu balance.
Os
talleres remataron a pasada semana, no centro Gaiás Tech de Santiago
de Compostela, tras percorrer os outros 14 municipios no seu
itinerario: San Sadurniño, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada,
Celanova, Cuntis, Guitiriz, Santa Comba, Valga, Barreiros, Ribadeo,
Vigo e Oroso, cun total de 314 nenas e nenos participantes.
As
actividades dividíronse en dous grupos de idade. Os máis pequenos,
cativos e cativas de 8 a 11 anos, encargáronse de elaborar pezas
audiovisuais en formato stop motion a partir dun circuíto de
luces LED construído por eles mesmos. Por outra banda, os máis
maiores, de 12 a 15 anos, crearon tecidos intelixentes programando
sensores co hardware-software libre Arduino para elaborar unha prenda
téxtil que reacciona aos cambios ambientais, de distancia, luz, etc.
En
palabras do CPETIG, o obxectivo principal destes obradoiros é
“impulsar actividades de mentoring en idades
temperás, especialmente dirixido ás nenas, para espertar o seu
interese neste eido e afianzar a confianza nas súas capacidades para
cursar estudos STEAM, siglas que en inglés dan nome ao taller e
nacen de incorporar a tecnoloxía STEM (Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñaría e Matemáticas) ás que se suman as Artes co fin de
aprender a usar a tecnoloxía desde un punto de vista creativo e
crítico”.
“Desde
o CPETIG valoramos moi positivamente estes obradoiros, que abren as
portas das tecnoloxías STEAM ás rapazas e rapaces, que están
chamados a ser os profesionais do futuro no noso campo. Desde o
Colexio traballamos arreo para que este tipo de actividades sexan
cada vez máis habituais e as metas cada vez máis ambiciosas. As
idades temperás son clave nesta e noutras profesións, pero
especialmente nun sector coma o noso no que seguimos poñendo
esforzos para acadar unha igualdade real e efectiva no menor tempo
posíbel”, explicou Anxos Cabado, directiva e responsábel do
programa do ente colexial.
O
Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de
Galicia agradeceu a implicación de todas/os as/os participantes,
ás/aos responsables da rede de Aulas CeMIT, á formadora Paula Tubío
e á AMTEGA a súa entrega para que esta primeira edición de
colaboración conxunta fose todo un éxito.