Éxito de público da mostra Mundo Expandido e das restantes propostas da Cidade da Cultura no que vai de ano
martes, 23 de xuño do 2026
A Consellería de Cultura e Lingua, a través do seu responsable José López Campos, fixo balance este martes 23 das actividades desenvolvidas na Cidade da Cultura durante a primeira metade de ano, que foi, segundo sinalou, “o mellor semestre da historia do complexo do Gaiás con 120.000 participantes”. Así o informou o conselleiro na reunión do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, na que se deu conta do incremento de case un 20 % na asistencia á programación durante os seus primeiros meses do ano. Unha programa marcada en boa medida pola realidade virtual, que serviu de fondo e forma a Mundo Expandido, un dos grandes éxitos da programación.
Durante a reunión, o titular de Cultura do Goberno galego salientou que estes datos consolidan a “tendencia positiva e de expansión” do programa cultural do Gaiás, tras pechar o pasado exercicio como o mellor da súa historia en participación.
Neste sentido, atribuíu os bos resultados á diversidade da programación cultural, ao reforzo das actividades familiares (con incorporacións destacadas nesta primavera como Gaiás en Xogo) e á ampliación das propostas vencelladas ás exposicións do Museo Centro Gaiás baixo o título Gaiás inspira.
Ademais, subliñou o conselleiro, “este dato reflicte a boa acollida por parte do público da oferta expositiva do Museo neste arranque do ano”, con exposicións como Mundo Expandido. Entre o físico e o virtual, realizada en colaboración coa Fundación Telefónica; As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, dedicada á creación artística galega contemporánea; e Voces do Pacífico, grande exposición internacional que abría as súas portas a comezos de xuño e que supón exhibir en Galicia por vez primeira 200 obras da colección de Oceanía do British Museum.
O conselleiro avanzou tamén algunhas das principais propostas previstas para a segunda metade do ano, entre elas unha exposición en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) que establecerá un diálogo entre obras de artistas galegas presentes na colección desta institución e creacións contemporáneas que serán realizadas especificamente para este proxecto.
En outono, inaugurarase no Gaiás a mostra arqueolóxica A terra do ouro branco, desenvolvida en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do CSIC.
A Cidade da Cultura exhibirá, xa en 2027 e no marco do Xacobeo, “unha das coleccións de ouro máis relevantes do mundo, grazas ao acordo internacional alcanzado recentemente co Museo del Oro del Banco de la República de Colombia, nun proxecto no que participan tamén o Museo Arqueolóxico de Alacant e o Mamuz de Austria”, lembrou.
Estes proxectos “evidencian a consolidación do Gaiás como unha plataforma de referencia para a cultura galega”, concluíu López Campos.
O Padroado repasou tamén o estado dos principais proxectos de infraestrutura actualmente en marcha na Cidade da Cultura. Entre eles figura o equipamento do Centro Galego de Artes Dixitais, para o que recentemente a Xunta obtivo 1,5 millóns de euros de fondos FEDER para a adquisición da tecnoloxía. Do mesmo xeito, avanzan os traballos para completar o equipamento técnico do escenario do Auditorio do Edificio Fontán, así como para a creación dun novo centro de apoio loxístico, que ampliará os espazos de almacenamento do Museo Centro Gaiás, da Biblioteca de Galicia e do Arquivo de Galicia.
Mundo Expandido
A mostra Mundo Expandido, inaugurada en febreiro polo conselleiro José López Campos, está conformada por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas. Trátase dunha proposta da Fundación Telefónica que explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda na omnipresenza dos mundos virtuais na nosa sociedade.
A exposición, que se pode contemplar ata o 30 de agosto, inclúe obras de creadores dunha ducia de países (Canadá, EEUU, China, Corea, Suíza, Grecia, Reino Unido, Italia, Francia, Nova Zelandia ou España) conformando unha “visión colectiva” e “unha reflexión diversa e coral sobre cuestións de plena actualidade”, como o emprego de ferramentas de intelixencia artificial, a creación de xemelgos dixitais, ou a polarización e o acoso na Rede.
Mundo expandido é un proxecto de Fundación Telefónica que chega a Santiago tras exhibirse en Madrid e Lima. A súa estadía na Cidade da Cultura permitiu ao público galego “achegarse a unha proposta cultural innovadora e de primeiro nivel”.
