Éxito do 1º curso do FP Dual Multiempresa impulsado polo Clúster TIC Galicia
martes, 9 de setembro do 2025
O pasado mes de maio, o Clúster TIC Galicia puxo en marcha un proxecto piloto de FP Dual Multiempresa no IES Wirtz Suárez da Coruña, en colaboración coa Consellería de Educación. Trátase dunha iniciativa experimental de dous anos de duración que busca ofrecer formación técnica específica ao alumnado a través de diferentes clases maxistrais na Cidade das TIC, o primeiro curso, e da súa incorporación a empresas tecnolóxicas e doutros sectores, o segundo curso, co obxectivo de achegarse a unha contorna profesional real.
Tras dous meses e medio de intensa capacitación práctica no Centro de Servizos Avanzados (Cidade das TIC) e baixo o paraugas do Clúster TIC de Galicia, os 16 alumnos do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, concluíron os seus proxectos finais, culminando a primeira etapa desta innovadora iniciativa. Organizados por equipos, os estudantes desenvolveron unha plataforma de emprego para o propio Clúster, utilizando tecnoloxías como Spring Boot en Java para o backend, e Angular para o frontend, “o que serviu como tema transversal para aplicar os coñecementos adquiridos”, informou o Clúster TIC.
A sesión de peche do primeiro curso do proxecto, celebrada o pasado 31 de xullo, contou coa presenza de Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, que impartiu unha charla inspiradora sobre o sector tecnolóxico galego. Aconsellou ao alumnado especializarse nas súas áreas de interese e buscar un camiño profesional a través das diversas empresas do ecosistema galego, dende startups ata compañías especializadas en ciberseguridade ou Intelixencia Artificial.
Balance altamente satisfactorio
Millán Dasairas, project manager en Campus Dual TIC e formador do FP Dual Multiempresa, fai balance deste primeiro curso: “Foi altamente satisfactorio por dúas cuestións: polo enfoque práctico -centrado na elaboración dun proxecto transversal que simula as tarefas diarias dunha empresa-, no que o alumnado ía adquirindo os coñecementos de forma progresiva, e polo gran compromiso e colaboración en equipo dos estudantes, fundamental para o éxito deste tipo de iniciativas”.
Porén, comenta, o reto era considerable: “Partiamos dun nivel básico, con baixo ou nulo coñecemento de tecnoloxías web e sen coñecemento nin experiencia en frameworks de organización e desenvolvemento de proxectos. Malia todo, en dous meses, todos foron quen de sacar adiante unha plataforma completamente operativa”, afirma Dasairas.
