ExpOtaku celebrará a súa 10ª edición os días 24,25 e 26 de maio

xoves, 9 de maio do 2019 Marcus Fernández

Entre os días 24 e 26 de maio o recinto feiral EXPOCoruña acollerá por décimo ano consecutivo o encontro ExpOtaku, centrado no mundo do manga, o anime, o cosplay e outras mostras culturais alternativas entre as que ten unha importancia moi especial o sector dos videoxogos, que contará cun amplo espazo de xogo libre (nos que destacará un espazo temático coas novidades para Nintendo Switch) e numerosos torneos.
Nos últimos días fixeron pública a relación de expositores que estarán presentes en ExpOtaku, así como o completo programa de actividades, no que podemos ver torneos de xogos para PlayStation 4, PlayStation 3, Xbox One, Super Nintendo, Nintendo Switch, Nintendo 3DS, PC e recreativas, competicións de Láser Tag, orbradoiros de robótica reciclada e programación de Arduino para cosplay, un concurso de fotografía móbil e sesións co youtubeiro convidado ILuTV.
Os interesados en acudir, que non queiran facer cola no despacho de billetes o día do evento, poden facerse con entradas e bonos de xeito anticipado nos establecementos El Baúl de Fer (A Coruña) e CeX Vigo.

PUBLICIDADE