ExpOtaku fai a súa meirande aposta polos videoxogos esta fin de semana

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

O primeiro grande encontro friki do ano en Galicia abriu hoxe as súas portas no recinto de EXPOCoruña, onde por oitava ocasión celebrarase até o domingo unha nova edición de ExpOtaku, evento nacido ao redor da cultura xaponesa, pero que actualmente ten unha proposta moi completa na que o manga, o anime, o cosplay, os videoxogos e outras mostras do lecer alternativo comparten espazo.

Nesta ocasión ExpOtaku ofrece unha zona destinada aos videoxogos superior á de outras edicións, dedicando 2.000 m2 a numerosos postos de xogo tanto libre como para a participación en distintos torneos. Tanto podemos atopar numerosos ordenadores para gozar de partidas en liña como temos as últimas consolas de videoxogos de Sony e Nintendo, compañías que quixeron ter espazos temáticos para amosar as súas últimas novidades.

PlayStation VR

No caso de Sony é evidente que unha das súas novidades máis salientables, e que precisa de encontros presenciais para que o público poida coñecer ben a súa proposta, é a realidade virtual, e así están moi presentes os cascos de PlayStation VR, para que os asistentes poidan somerxerse en mundos virtuais, experimentando así esta nova sensación por si mesmos, para decidir se máis adiante darán unha oportunidade a esta tecnoloxía no fogar.

Nintendo Switch

Pola súa banda Nintendo apostou moi forte pola súa nova Nintendo Switch, ofrecendo a posibilidade de gozar de títulos como o novo The Legend of Zelda, o sorprendente ARMS, o Mario Kart de recuperado de Wii U e incluso Ultra Street Fighter II: The Final Challengers que saíu á venda hoxe mesmo.

A organización non esqueceu tampouco aos xogos retro nin aos de pista de baile (DDR) e xuntou, en definitiva, unha grande oferta de lecer electrónico que animará toda a fin de semana.

Durante a xornada do sábado desenvolveranse os seguintes torneos de videoxogos:
11:00 – Torneos de Pokémon Sol/Luna Dobles VGC (N3DS) (Legión Gamer), League of Legends 5vs5 (LolCon) e Overwatch 5vs5 (Corsair e Pure Gaming)
12:00 – Torneo de Dragon Ball Xenoverse 2 (PS4) (Legión Gamer)
13:00 – Torneo de Rocket League (PS4)
13:30 – Torneo de Onigiri Escape (PC) (Legión Gamer)
15:00 – Torneos de Touhou 14.5 Urban Legend in Limbo (PC) (Legión Gamer) e de Naruto Shippuden: Ultimate Ninja Storm 4 – Road to Boruto (PS4)
16:00 – Torneos de NBA 2k17 (PS4) (patrocinado por 2k) e Bleach Blade Battlers 2 (PS2) (Legión Gamer)
17:00 – Torneo de Tekken Tag Tournament 2 (PS3) (Legión Gamer)
18:00 – Torneo de Injustice 2 (PS4) (Legión Gamer)
19:00 – Torneo de Guilty Gear Rev 2 (PS4) (Legión Gamer)

Os torneos do domingo serían os seguintes:
11:00 – Torneos de Akatsuki Blitzkampf (PC) (Legión Gamer) e Overwatch 5vs5 (Corsair e Pure Gaming) e semifinais e final do torneo de League of Legends (LolCon)
12:00 – Torneo de Hyper Dragon Ball Z Champ Build (PC) (Legión Gamer)
13:30 – Torneo de FIFA ’17 (PS4) (Legión Gamer)
14:30 – Torneo de Pacman DX Championship (PC) (Legión Gamer)
15:00 – Torneo de Pokémon Sol/Luna Monotipo (N3DS)
16:00 – Torneos de Mario Kart 7 (N3DS), de King of Fighters XIV (PS4) (Legión Gamer) e de Super Smash Bros (Wii U) (Asociación Freak)
17:00 – Torneo de Street Fighter V (PS4) (Legión Gamer)
17:30 – Torneo de Tekken Tag Tournament 2 – Pro (PS3) (Legión Gamer)

Nintendo e Sony contan con grandes espazos para as súas últimas propostas en ExpOtaku
ARMS é un dos últimos xogos de Nintendo Switch que poden probarse esta fin de semana no recinto de EXPOCoruña
Incluso as xa clásicas pistas de baile están presentes neste encontro do lecer alternativo
ExpOtaku ten os seus recantos para os xogos retro

PUBLICIDADE