Expertos de Google, Microsoft e Symantec danse cita na nova xornada de ciberseguridade do CPEIG

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vainos xuntar o 31 de maio cos principais desafíos actuais e futuros da protección en liña, unha cuestión que incrementa o seu interese a cada minuto, agora que todos os axentes e elementos implicados na protección en liña (usuarios de a pé, conexións, dispositivos, servidores, servizos, funcionalidades, posibilidades, datos) preséntanse en meirande número e con maior complexidade. A terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia conta co patrocinio da firma Emetel e a colaboración de ABANCA, Symantec, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e o Campus Innova (UDC). Contará coa presenza de expertos en salvagarda de datos e infraestruturas de Google e Microsoft.
A cita será en Santiago, en horario de mañá, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG quere “conectar co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de cidadáns, empresas e administracións públicas”.
A xornada será inaugurada ás 10.00 horas por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Roberto Baratta (director de Prevencion Perdida, Continuidade e Seguridade en ABANCA), Manuel Lago (director xeral de Emetel) e Mar Pereira Álvarez (directora da axencia AMTEGA). Logo haberá relatorios sobre administracións públicas e protección TIC a cargo de Alberto Hernández Moreno (director xeral de INCIBE), Jose Luis Piñar (DPO do Consejo General Abogacia Española) e Javier Candau (xefe de Ciberseguridade do Centro Criptográfico Nacional – CCN).
A continuación da pausa para café, será a quenda das empresas. Intervirán Rafael Ave, director de Transformación Dixital e Seguridade de EMETEL, Julien Blánchez (Google Cloud at Google Inc), Fernando Rubio (Microsoft), Ramsés Gallego (Symantec) e Román Ramírez (co-fundador e co-organizador do evento RootedCON). O peche correrá a cargo de Fernando Suárez e Roberto Baratta.

PUBLICIDADE