Expertos en cultura e TIC amosan en Santiago como deben dixitalizarse arquivos históricos
xoves, 15 de xuño do 2017
- O profesor Xosé López foi o coordinador da xornada desenvolvida no Consello da Cultura
O
Consello da Cultura Galego acolleu hoxe unha xeira de debate
orientada a avaliar diferentes estratexias de conservación de
material analóxico a través do dixital. A
xornada Dixitalización de arquivos, Tendencias, procesos e plans
de execución foi unha boa oportunidade para verlle o miolo a
casos reais de preservación e dispoñibilización de documentos a
través das TIC. Por exemplo o plan estratéxico da administración
nacional e rexistros americanos (NARA), a dixitalización do museo do
Real Madrid ou do arquivo Espacio P. A cita veu da man do profesor
Xosé López e serviu, en palabras do CCG, “para salientar a
importancia da tecnoloxía tanto nos procesos como nos mecanismos de
difusión”.
Asemade,
o encontro foi de utilidade para destacar a conveniencia (de cara a
acadar os máis óptimos e universais resultados) de xuntar
profesionais de diversas procedencias e especializacións. En
palabras dos expertos reunidos polo CCG, puxéronse de manifesto as
vantaxes de “establecer grupos de traballo interdisciplinares
para que o coñecemento que se rexistra nos arquivos chegue á
cidadanía”.
A
cita arrincou coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes
Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que fixo unha
aproximación á situación técnica e normativa a día de hoxe. Na
súa intervención, Caridad estableceu como a UNESCO, a Unión
Europea e asociacións como IFLA “marcaron os camiños polos que se
debía desenvolver a dixitalización marcado por normas informáticas
e documentais”. Igualmente, fixo un percorrido por casos concretos
nos que ten traballado e dirixido como son a dixitalización do
epistolario da Condesa de Romanones, do museo do Real Madrid ou do
arquivo de loterías e apostas do Estado.
Pola
súa banda, o profesor Jesús Robledano Arillo explicou os parámetros
dun bo modelo de conversión ao dixital, salientando a necesidade de
“definir previamente os criterios e requisitos técnicos, o marco
de aplicación e a base filosófica que han de rexer todo o
traballo”. Puxo como exemplos o devandito caso de NARA
(The Strategic Plan of the National Archives and Records
Administration dos Estados Unidos) ou o
proceso de transformación tecnolóxica do material xerado ao abeiro
do Espacio P, que foi un escenario artístico madrileño que
durante as décadas dos oitenta e dos noventa chegou a converterse
nun referente mundial en materia de arte en movemento, cinema, vídeo,
fotografía, música e performances.
Ernest
Abadal, da Universitat de Barcelona, falou de como as ferramentas
dixitais pode axudar á difusión dos arquivos, salientando aspectos
concretos como a necesidade de estar ao día, de coñecer outras
realidades ou de que o grupo de traballo que acometa a dixitalización
sexa interdisciplinar.
Pola
súa parte, Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic -
Universitat Central de Catalunya, pechou os relatorios debullando
unha nova realidade marcada por conceptos como transparencia,
accesibilidade, colaboración, hibridación, e difusión. Ademais,
explicou o papel fundamental que ha desenvolver un content
curator, é dicir, un especialista que busca, selecciona, dá
sentido e comparte esa información.