Expertos en xestión TI amosarán as súas técnicas de éxito en #SilverBullet17

martes, 25 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

Este 11 de maio temos na Cidade da Cultura unha relevante cita coas metodoloxías de xestión de iniciativas TI que marcan diferenzas e que, ademais, teñen capacidade para trazar liñas na evolución da historia da tecnoloxía: nunha beira da liña o antes, noutra beira o despois. Estamos a falar do evento #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos organizado polo CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) e a AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), concibido como “un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vencellados á xestión de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área”. Segundo nos conta o colexio profesional que preside Marcos Mata, será unha ocasión inmellorábel para escoitarmos aos grandes expertos do tempo presente en materia de vangarda tecnolóxica.
Relevantes especialistas TIC como por exemplo José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva (CEO) en Origami Soluciones e de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.

Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC

O CPETIG tamén lembra que o nome do congreso #SilverBullet17 está inspirado nun “coñecido antipatrón” do eido de xestión de proxectos, ou sexa un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posíbel co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
Desta maneira, o obxectivo é tirar proveito da cita na Cidade da Cultura para abordar a cuestión da “bala de prata” dende tres ángulos diferentes pero complementarios: primeiro, o traballo sistematizado desde o inicio do proxecto; segundo, a aplicación de metodoloxías axeitadas; e terceiro, o coñecemento sobre a xestión de proxectos. Amais de amosar as últimas tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos, SilverBullet17 favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.
A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus. Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición pode visitar a web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org.

PUBLICIDADE