Expertos reunidos na USC din que a ciberseguridade é unha oportunidade para reforzar a xestión pública
luns, 2 de marzo do 2026
A Fundación Democracia e Gobierno Local e a USC (Facultade de Dereito) coorganizaron a semana pasada unha xornada sobre As entidades locais fronte ao reto da ciberseguridade. Fixérono en coordinación co Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP).
A actividade foi inaugurada por José Luis Moreno, xerente da fundación, quen sinalou que “os recursos e metodoloxías que protexen as comunicacións e a información permiten contar cunha Administración moderna, eficaz e na que poidamos confiar”.
A xornada celebrouse na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
“Vivimos un tempo no que o dixital xa non é un complemento, senón a infraestrutura invisible que sostén gran parte da acción pública. A ciberseguridade non pode seguir considerándose unha cuestión técnica reservada a especialistas, nin un desafío do mañá. É unha cuestión estratéxica do presente”, explicou Moreno, quen engadiu que, “como advertiu Ulrich Beck, vivimos na sociedade do risco, e hoxe boa parte deses riscos maniféstanse na contorna dixital. A Administración local non é allea a eles. Ao contrario: é especialmente vulnerable pola súa proximidade, pola natureza dos servizos que presta e pola información sensible que xestiona”.
Pola súa banda, o conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego, puxo de relevo que as auditorías dos órganos de control externo detectaron debilidades que deben traducirse en accións concretas para reforzar a protección dos entes locais.
Ademais, Diana Santiago, secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela, remarcou que a xornada supón un paso máis cara a unha administración pública ciberresiliente, reforzando a colaboración coa universidade e o compromiso coa calidade do servizo público.
E pola súa banda, a decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Gude, destacou a relevancia de afrontar o tema, e deu a benvida a relatoras e asistentes.
Reforzar a democracia local
Na xornada tamén interviñeron os profesores de Dereito Constitucional da USC José Julio Fernández Rodríguez e de Dereito Administrativo e delegado de protección e datos da USC Marcos Almeida Cerreda, quen dirixiron e coordinaron o volume Las entidades locales frente al reto de la ciberseguridad. Nel abórdase o desafío crecente que a ciberseguridade expón ás administracións locais, presentándoa non só como un risco senón como unha oportunidade para reforzar a xestión pública e a democracia local.
Coa participaron de diferente persoal experto, docentes e representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, na xornada presentáronse varias experiencias reais en materia de ciberataques a administracións locais e profundouse, entre outros aspectos, na relevancia do Esquema Nacional de Seguridade e na necesidade de insistir nas medidas preventivas e na formación dos empregados públicos.
