F(x)tec prepara un teléfono con teclado QWERTY escorregante

xoves, 28 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

No Mobile World Congress está a poder verse a última creación de F(x)tec, o smartphone Pro 1, que sorprende ao recuperar un formato de teléfono bastante esquecido, xa que inclúe un teclado físico QWERTY escorregante (na liña do Nokia E7 de 2010). Como estamos ante un produto cun mercado moi limitado ofrécese inicialmente mediante reserva a un prezo de 649 dólares/euros, estando previsto o seu envío aos compradores no mes de xullo.
Este curioso smartphone chegará cunha pantalla AMOLED de 5,99 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles e un teclado QWERTY de 64 teclas en 5 columnas que sitúase con respecto da pantalla a un ángulo de 155 graos, para facilitar a visualización da pantalla en mobilidade.
O F(x)tec Pro 1 non será precisamente un dispositivo á última, xa que chegará cun procesador Qualcomm Snapdragon 835, pero cos seus 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD) debería ofrecer unha experiencia o suficientemente solvente. Funcionará con Android 9.0, incluirá cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles e frontal de 8 Mpíxeles, conectividade Wi-Fi AC, NFC, lector de pegadas dixitais lateral, altofalantes estéreo, toma para auriculares e batería de 3.200 mAh con carga rápida por USB-C. Un produto bastante discreto en prestacións que como principal reclamo ten o seu factor forma.

JPEG - 54.1 KB
O F(x)tec Pro 1 pretende ser unha boa ferramenta para a produtividade móbil
JPEG - 85 KB
En Barcelona F(x)tec está a amosar prototipos do seu interesante smartphone

PUBLICIDADE