FACUA denuncia que a resistencia á auga do iPhone 8 é publicidade enganosa

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Dende que chegaron ao mercado os smartphones resistentes á auga é frecuente a polémica por mor de que os fabricantes non se fan responsables dos danos provocados por líquidos, o que levou a que mudasen a súa publicidade drasticamente para indicar que non son somerxibles e só soportarían molladuras accidentais, pero ese detalle non se está a salientar debidamente, ou iso entenden dende FACUA-Consumidores en Acción, asociación que vén de denunciar a Apple por publicidade enganosa no seu teléfono iPhone 8, que anuncia como «resistente ás salpicaduras e á auga» pero cunha garantía que matizan en letra pequena que «non cubre os danos producidos por líquidos».
FACUA presentou a súa denuncia ante a Dirección Xeral de Consumo da Comunidade de Madrid, onde Apple Retail Spain, S.L. ten sede, alertando a dito organismo que a publicidade vixente do fabricante para promocionar o novo smartphone expón o produto como impermeable, pero non asume a responsabilidade dos efectos á exposición de líquidos, o que consideran unha contradición que suporía un caso de publicidade ilícita para o consumidor.
A xuízo de FACUA, a publicidade de Apple pode levar a un consumidor a mercar un iPhone 8 sen coñecer realmente as súas características ou, cando menos, as prestacións que están cubertas pola garantía legal ofrecida.

PUBLICIDADE