FACUA denuncia unha fraude por WhatsApp
venres, 17 de xaneiro do 2014
Nos últimos meses son moitos os usuarios de WhatsApp que
están a recibir comunicacións fraudulentas a través das que instan a mandar
mensaxes de texto a números de teléfono Premium, o que levou a FACUA-Consumidores
en Acción a pór mans no asunto, polo que denuncian á empresa Ielobina
Tradicional S.L. por enviar este tipo de mensaxes dende o número 25568, de
xeito que, se o receptor responde mediante SMS deberá facer fronte a un custo
adicional de tal mensaxe.
A denuncia presentouse ante a Secretaría de Estado das Telecomunicacións e para
a Sociedade da Información (SETSI) e as autoridades de consumo de varias
comunidades autónomas por considerarse que se trata dun fraude de publicidade
enganosa.
Entre os cebos supostamente empregados pola empresa denunciada estarían textos
como “Te estoy escribiendo por wasap. Dime si te llegan mis mensajes. Me
agregaste el otro día?” ou “Será un fallo d mi móvil con el wassap. Xp no paro
de enviarte la foto! La has visto? Pense k podría agregarte al face o wassap. O
verte en smsduo Q hago?”, o que claramente é un engano ao consumidor, de aí que
FACUA pida ás autoridades competentes a realización das dilixencias oportunas
para instar ao cesamento destas prácticas para evitar os prexuízos económicos
que poidan causar aos cidadáns enganados.
FACUA tamén recomenda aos usuarios que contestaran a este tipo de mensaxes que
esixan á súa compañía de telefonía móbil que non lles realice o cargo do seu
custo e que presenten denuncias ante a Oficina de Atención ao Usuario de
Telecomunicacións do Ministerio de Industria e ante a autoridade de consumo da
súa comunidade autónoma.