FADEMGA imparte un catálogo de cursos formativos para diminuír a fenda dixital

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

Na mañá deste 11 de outubro o equipo de Transformación Dixital de FADEMGA Plena Inclusión Galicia desprazouse ata o edificio situado en Neira de Mosquera, en Santiago, para impartir a terceira sesión do curso Adquisición de Competencias Dixitais para persoas con Discapacidade Intelectual. Trátase dun catálogo formativo que se enmarca dentro do proxecto de Transformación Dixital para a Inclusión, coordinado por Plena Inclusión España e Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e amparado polos fondos europeos Next Generation.
Así pois, doce persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento puideron aprender nesta xornada a traballar co buscador de Internet, así como elaborar un simulacro para tratar cos datos e entender a estrutura do correo electrónico; tamén lles ensinaron recursos para usar os dispositivos con axilidade mediante controis ou pantalla partida. Por último, recibiron un caderno dixital que usarán como ferramenta de estudo ao longo do curso, pois o grupo terá unha formación tódolos mércores, de 10:00 a 14:00 horas, ata o 13 de decembro de 2023.
Outras trinta persoas usuarias do territorio galego tamén están inscritas no mesmo proxecto. Doce delas pertencen á Asociación ASAPANAEX e reciben a formación en Vigo tódolos martes; dez persoas asisten á oficina de San Luís de FADEMGA Plena Inclusión Galicia da Coruña os xoves; así como a Asociación ASPRONAGA, tamén localizada na Coruña, que conta con outro grupo de traballo de doce persoas. A finalidade deste proxecto é a de capacitar a este colectivo en habilidades coa tecnoloxía e acabar coa fenda dixital que actualmente existe por falta de accesibilidade e formación. Ademais, tamén se busca mellorar a metacognición, autonomía e sociabilidade das persoas participantes con discapacidade intelectual.
FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual conta a día de hoxe con 41 entidades galegas federadas e presta servizo a máis de 8.000 persoas con discapacidade intelectual entre aquelas que reciben apoio nas entidades e as que se benefician de servizos a través da propia federación.

PUBLICIDADE