FADEMGA participa nun ambicioso proxecto tecnolóxico para permitir a plena inclusión dixital

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

FADEMGA Plena Inclusión Galicia (federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento) participa nun proxecto tecnolóxico para reducir a fenda dixital e favorecer a integración. A idea é tirar abaixo barreiras para facilitar o acceso destes colectivos a dereitos básicos que están (cada vez máis) a disposición da cidadanía a través das novas ferramentas dixitais.
Esta ambiciosa iniciativa, na que participará FADEMGA Plena inclusión Galicia ao carón doutras 7 Comunidades Autónomas, nace co apoio dos fondos europeos Next Generation, conta cun orzamento de 1.836.000 euros e ten como horizonte temporal o 31 de decembro de 2023.
Segundo explica a federación, a necesidade deste proxecto vese sustentada na importancia que ten hoxe en día o manexo da tecnoloxía como porta de acceso a dereitos fundamentais como son o emprego, a educación ou a vida independente. “Desde o noso movemento asociativo levamos anos pelexando porque se recoñeza, desde as administracións públicas, a urxencia de reducir a fenda dixital á que se enfrontan a inmensa maioría das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento”, denuncia Eladio Fernández, presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Con este obxectivo xorde o proxecto Transformación Dixital para a Inclusión, unha batería de medidas que inciden na formación e extensión do uso da tecnoloxía no apoio a iniciativas como a implantación dunha ferramenta para eliminar medidas restritivas en centros residenciais; unha aplicación que fomenta o acceso de persoas con discapacidade intelectual ao emprego público; a formación en liña a axentes públicos e comunitarios de servizos sociais e da saúde de concellos e CCAA (Comunidades Autónomos) para ampliar o seu coñecemento sobre a realidade e necesidades das persoas con discapacidade intelectual, etc.
“Se conseguimos que os beneficios da iniciativa Transformación Dixital para a Inclusión se proxecten no tempo estaremos a colaborar en que o acceso á tecnoloxía deixe de ser un muro infranqueábel e que se levanta entre as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e algúns dereitos cidadáns fundamentais”, explica o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
O proxecto Transformación Dixital para a Inclusión enmárcase no Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España e está coordinado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

PUBLICIDADE