FAZ Cultura e Cilenis presentan o primeiro teclado galego específico para Android

luns, 21 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

FAZ Cultura e Cilenis, dúas spin-off xurdidas ao abeiro da Universidade de Santiago, veñen de unir forzas para dar forma a un teclado galego para Android. A iniciativa, que conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, quere ante saír ao encontro dunha necesidade en proceso de medre: a demanda de máis e mellores recursos lingüísticos que incidan nunha meirande calidade do noso idioma escrito. O proxecto de Teclado Galego para Android sería polo tanto “unha ferramenta para escribir na nosa lingua e no móbil con total corrección”, informan FAZ Cultura e Cilenis.
Ao seu xuízo, o seu desenvolvemento conxunto responde a unha necesidade específica (queremos escribir ben en galego dende o noso dispositivo) e a unhas necesidades xenéricas (queremos empregar a fondo as posibilidades do noso móbil para comunicarnos textualmente, tirando o máximo partido de ferramentas e servizos como Whatsapp, Telegram, Facebook, Twitter, correo electrónico ou blogs). Segundo informan, “as linguas deben adaptarse e crear novos instrumentos que permitan ir á par das novas sociedades”.
Volvendo ao teclado de seu, materializado ao abeiro da investigación en Procesamento da Linguaxe Natural realizada na USC e implementado polas propias FAZ Cultura e Cilenis, dicir que remataría cunha eiva coa que por forza tivemos que toparnos no caso de que tiveramos empregado un dispositivo Android co obxectivo de escribir na nosa lingua: o teclado do dispositivo teima en corrixir palabras en galego para pasalas de xeito automático ao castelán. Polo tanto, cumpría unha tecnoloxía que amañase este problema mentres Google non dese o paso de incluír o galego como lingua oficial do seu sistema operativo, segundo informan as dúas empresas, que tamén recoñecen que “as últimas novas apuntan que Google lanzou o seu teclado xa en galego”, pero igualmente destacan que “este non acaba de funcionar na meirande parte dos androides”. Así, din, era preciso valorar unha posibilidade alternativa, que é a de dar forma a un teclado galego para Android baseado no teclado orixinal de Android (que como lembraremos segue a ser software libre e deixa marxe, polo tanto, para adaptacións e melloras). Isto precisamente foi o que fixeron FAZ Cultura e Cilenis.
Así nolo explican: “Xuntando desenvolvemento informático, lingüístico e de consultoría cultural construímos o primeiro teclado galego baseado no teclado oficial de Android, unha modificación do módulo teclado (Keyboard) de AOSP e que, daquela, fai uso do dereito de modificación e distribución contemplado na Licenza Apache 2.0”. O Teclado Galego Android, engaden, é unha ferramenta imprescindíbel para escribir en galego en calquera dispositivo co dito sistema operativo. De feito, ao rematar de escribir unha palabra comproba que estea correcta e senón ofrece suxestións de corrección. Estas son as súas posibilidades e vantaxes:
· De balde: Teclado Galego é totalmente gratuíto. Non temos nin teremos que pagar por el.
· Software libre: Nútrese do Teclado AOSP (Android Open Source Project) de Google, polo que inclúe todas as vantaxes do software libre.
· Usabilidade: Permite escribir no noso dispositivo sen preocuparnos das grallas de ortografía e dos erros que cometemos ao escribir rápido. “Ademais ten un deseño moi intuitivo e doado de usar”, engaden.
· Escritura xestual: Forma palabras facendo correr o dedo sobre a pantalla, unindo letras. “Por fin poderemos facer malabarismos e escribir de xeito sinxelo cunha soa man cando veñamos cargados coas cincuenta bolsas da compra”, explican.
· Preditivo: Canto máis empreguemos o teclado máis nos coñecerá, mellorando así a nosa capacidade preditiva. Suxírenos palabras a medida que vaiamos escribindo.
· En continua mellora: FAZ Cultura e Cilenis queren seguir mellorando o dicionario e dar un mellor servizo. Propoñen o fornecemento continuo de suxestións. “A túa opinión é importante”, din.
Medio millón de entradas
O dicionario que inclúe o teclado galego está composto de medio millón de entradas; ademais existe unha ampla variedade de erros comúns con dez mil correccións preditivas e erros. “É moi salientábel”, sinalan os responsábeis deste desenvolvemento, “o especial coidado que o dicionario do Teclado Galego Android ten cun dos habituais erros noutros correctores: as formas verbais conxugadas con pronome (exemplo: díxenlle) das que se inclúen máis de cincuenta mil”. Isto é posíbel grazas ao coñecemento xerado con Cilenis Conxugador e aos estudos de lingüística de corpus do Grupo de investigación ProLNat (CITIUS) do que naceu a spin-off universitaria Cilenis.

PUBLICIDADE