FEAE Galicia axuda á docencia ante os desafíos TIC dunha terceira vaga de COVID-19

mércores, 13 de xaneiro do 2021 S. P.

FEAE Galicia (Forum Europeo de Administradores de Educación) arrinca en 2021 con novos recursos de capacitación tecnolóxica para axudar ao tecido docente a afrontar os grandes desafíos de información e comunicación aos que se enfronta a educación neste contexto de pandemia. Estamos a falar do Work Café Virtual: Claves para a incorporación (con sentidiño) das tecnoloxías nas aulas.
Proponse como unha actividade de fortalecemento profesional-docente ante unha máis que posíbel terceira vaga da COVID-19, na que o profesorado “terá que enfrontarse a unha gran heteroxeneidade nas aulas, dende alumnado confinado até o posíbel peche dalgunha clase ou o reforzo individualizado dalgún alumnos e alumnas froito do confinamento do 2020”.
A actividade contará coa presenza de María José Fernández Barreiro, educadora social e pedagoga, con 20 anos no sector da formación online responsábel de creación de contidos formativos para diversas organizacións, entre elas os libros dixitais que Netex ofrece a través do proxecto e-Dixgal en máis de 400 centros educativos galegos. Actualmente é consultora pedagóxica e participa no deseño, desenvolvemento e teste de aplicacións educativas dentro de Netex.
No webinar mostraranse algunhas claves sobre como incorporar as tecnoloxías, pero “usando o sentido común, analizando e usando aquilo que realmente precisemos e nos resulte de utilidade para o proceso pedagóxico”, explican dende a organización da actividade formativa, engadindo que xa está dispoñíbel o formulario para a inscrición.

PUBLICIDADE