FEMXA desenvolverá xogos e unha plataforma de elearning para incrementar a seguridade no mar

xoves, 6 de febreiro do 2025 S. P.

Recentemente presentouse en Utrecht (Países Baixos) o proxecto europeo STARFISH (Strategic Trainer Alliance for Responsible FISHing, destinado a modernizar a formación básica en seguridade do sector pesqueiro e aumentar a protección dos traballadores a bordo. O proxecto, financiado por Erasmus da Unión Europea, conta con socios de diferentes países europeos: ProSea Marine Education (Países Baixos), Europêche (Bélxica), Centre Européen de Formation Continue Maritime (Francia). Por parte de Españan, participan o grupo galego FEMXA e a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), que achegan a este proxecto a súa experiencia e coñecemento en materia de formación en seguridade marítima e medio ambiente.
A función de ARVI será coordinar os pilotos que se realizarán nos tres países participantes, entre eles realizarase tamén un en Vigo. Crearase para iso un contido específico adaptado á normativa actual, con pílulas formativas denominadas bubbles que farán do curso unha aprendizaxe directa, actualizada e interactiva.
Pola súa banda, FEMXA, como empresa especializada en formación e dixitalización educativa, achegará a súa experiencia no desenvolvemento de contidos innovadores e plataformas de aprendizaxe adaptadas ás necesidades do sector pesqueiro. En concreto, utilizando metodoloxías innovadoras, desenvolverá xogos educativos e unha plataforma de elearning con contidos formativos sobre seguridade e sustentabilidade aplicados ao sector pesqueiro de acordo co STCW-F.
Estas ferramentas permitirán aos profesionais aprender de maneira interactiva e dinámica, facendo o proceso educativo máis atractivo e efectivo. Desta maneira, o proxecto ofrecerá solucións formativas dispoñibles desde un dispositivo móbil, onde se poderán descargar os contidos para poder usalos cando os pescadores e pescadoras queiran sen estar limitados pola conectividade.
Patricia García, presidenta institucional de FEMXA explicou que “estamos encantados de participar neste novo reto de modernizar as formacións nun sector ao que estamos tan vinculados. Facer que a formación esencial sexa accesíbel, atractiva e adecuada para a era dixital forma parte do ADN do noso grupo; traballaremos en ofrecer unha metodoloxía diferente á tradicional das clases presenciais, permitindo que os profesionais do sector poidan consultar este material cando e desde onde queiran, mesmo desde alta mar e sen conexión a Internet”.
Pola súa banda, Edelmiro Ulloa, xerente de ARVI, sinalou que “o obxectivo que perseguimos con este proxecto é a mellora na seguridade no sector pesqueiro, entendida esta de unha maneira global. Sabemos que apostar a modernización na formación dos traballadores vinculados ao sector, facéndoa máis atractiva, contribuirá á mellora da protección non só das nosas tripulacións e buques, senón tamén do medio ambiente”.