FEUGA celebra entre setembro e outubro a 2ª edición do seu curso de análise de datos con Power BI

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

A fundación FEUGA (Fundación Empresa Universidade de Galicia) organiza esta tempada a segunda edición do seu curso sobre Análise de datos con Power BI, unha nova oportunidade, en palabras dos organizadores, “para descubrimos unha intelixencia empresarial sen precedentes” e “dar o chimpo dos datos ao coñecemento en minutos”.
Nun plano máis específico, o curso servirá entre outras cousas para aprendernos como ler e transformar datos, desenvolver cálculos avanzados e detectar tendencias nos datos. Tamén recibiremos adestramento na creación de paneis, informes e cadros de mando visuais e dinámicos “cos que dar resposta inmediata ás preguntas máis importantes dun negocio”.
Segundo explica FEUGA na información do curso, no mundo actual non abonda con aplicar dende unha empresa as estratexias de mercadotecnia que até hai poucos anos guiaban ás maiores e mellores empresas do mundo: “Agora é necesario extraer a información axeitada tanto dos datos que internamente xera a empresa como dos que se obtén da Internet”.
Será esta información a que, tras ser analizada co software adecuado, permitirá aos responsábeis da empresa a correcta toma de decisións. Este tipo de software é o que hoxe día coñécese como Business Intelligence, que é onde se encadra Power BI, hoxe en día, lembra FEUGA, “líder do mercado de ferramentas de autoservizo de Business Intelligence”.
Nesta formación revisaranse de maneira práctica os conceptos involucrados no uso desta ferramenta: a carga e transformación dos datos (os chamados procesos ETL), a creación e visualización de informes, e a súa publicación e intercambio con terceiros. Ademais, realizarase unha introdución ao uso da linguaxe de modelado de datos DAX para a creación de campos e métrica personalizadas.
A actividade formativa celebrarase en formato de vídeo-conferencia en tempo real e terá unha duración de 16 horas. Desenvolverase os días 26 e 28 de setembro e 3 e 5 de outubro, en horario de mañá.

PUBLICIDADE