FEUGA converteranos en expertos en Excel cun novo curso en xuño

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

FEUGA vai organizar o vindeiro 7 de xuño o Curso Excel Nivel Experto (PDF), unha actividade formativa destinada a permitirnos tirar o máximo partido da ferramenta de datos de Microsoft con vistas a elaborar informes periódicos de gran dimensión, realizar operacións complexas ou empregar o concepto de cálculo matricial.
Segundo informa a fundación respecto dos porqués deste curso, Excel “é unha ferramenta fundamental de traballo, unha solución versátil que achega infinidade de posibilidades, desde o control financeiro da empresa ás previsións de ingresos e gastos, pasando pola xestión da contabilidade, o control de stock, a xeración de gráficos ou o control de recursos humanos, polo que é amplamente utilizada por todo tipo de empresas e profesionais”. O curso, cuxo prazo de inscrición está aberto e pódese facer online, desenvolverase en horario de 9.00 a 14.30 horas, e de 15.30 a 18.00 horas.
“Con esta acción formativa”, engade FEUGA, “poderemos converternos nunha fonte de información estratéxica para a toma de decisións, a través da elaboración de potentes simulacións de negocio, e aproveitar ao máximo o potencial que ofrece a xestión de información con táboas dinámicas”. Ao mesmo tempo, coñeceremos os mecanismos máis avanzados e sofisticados que nos permitirán xestionar un gran volume de información no menor tempo posíbel e “elaborar informes de gran dimensión e complexidade de forma sinxela, áxil e rigorosa”. Por outra banda, o curso vai dirixido a mellorar a visualización dos datos para optimizar o proceso de toma de decisións.
A persoa encargada de impartir os contidos será Ismael Romero, fundador de ExcelForo, consultoría especializada en desenvolvementos a medida en Microsoft Excel e Access, na análise da información, o modelado de informes e a formación a empresas. Anteriormente foi xefe de administración en Acciones Airport Services, director de administración e contabilidade en Inypsa, controller de xestión en Fiat - Finplus Renting e formador de contabilidade e MS Excel en Menforem. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais (especialidade de Financiamento) e diplomado en Estudos Empresariais (especialidade de Contabilidade e Sistemas Informativos) pola Universidade Complutense de Madrid.

PUBLICIDADE