FEUGA mostra as claves para obtermos os éxito nas propostas Horizonte Europa

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

FEUGA vai organizar en novembro un curso virtual para axudarnos a amplificar a pegada xerada polos nosos proxectos tecnolóxicos, con vistas a obter o financiamento requirido. Trátase do curso Claves de éxito nas propostas Horizon Europe: Redacción do impacto, enfoque de xénero e xestión de datos. Segundo fai saber FEUGA, o impacto agardado do proxecto é un dos tres criterios de avaliación xunto á excelencia e a calidade da execución que usan os avaliadores para cualificar as propostas de I+D+i e un dos condicionantes máis importantes para obter, ademais da aprobación, o seu financiamento.
De feito, o programa Horizonte Europa inclúe un enfoque innovador para captar e comunicar o impacto que non só se basea en criterios de mercado: the Key Impact Pathways. Ademais, explica FEUGA, neste novo programa establécese a igualdade de xénero como prioridade transversal e novo criterio de elixibilidade para acceder a financiamento europeo, “até tal punto que en caso de empate, o equilibrio de xénero nos grupos de investigación será un criterio determinante”. A Fundación Empresa Universidade de Galicia tamén pon foco noutra das grandes prioridades da Comisión Europea: fomentar a ciencia en aberto e asegurar a visibilidade ás publicacións científicas e aos datos xerados na investigación. En base a isto, explica, “entender o concepto de open science e as súas regras de xogo resulta crucial, neste aspecto, xa que as prácticas de ciencia aberta avaliaranse de xeito favorábel dentro das propostas a Horizon Europe”.
O obxectivo deste curso é “ofrecer aos participantes os coñecementos necesarios para que poidan enfocar e describir este tres aspectos que serán determinantes para o financiamento das propostas, achegando valor á súa redacción e xerando impacto no avaliador”.
O curso desenvolverase en formato webinar e inclúe 13 horas de contidos. A data de inicio é o 22 de novembro, sendo o día 15 do mesmo mes a data límite de inscrición. Celebrarase os días 22, 23 e 24 en horario de 9.00 a 12.00 horas, e os días 25 e 26 de 9.00 a 11.00 horas.

PUBLICIDADE