FEUGA trae a Santiago ao diplomático e exdirector do CNI Jorge Dezcallar

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

JPEG - 36.6 KB
Jorge Dezcallar nunha imaxe de Eldiario.es

A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) organiza o acto Diálogo sobre o futuro, que se celebrará este martes 28 de xuño ás 10:00 horas na sede compostelá de FEUGA. No evento participarán o diplomático español e exdirector do CNI Jorge Dezcallar, quen conversará co politólogo Xosé Luís Barreiro.
Durante unha hora dialogarán baixo o epígrafe Europa: o primeiro que pensamos cando as crises irrompen e tratarán temas de actualidade como Rusia, as tensións no Pacífico Sur, os gobernos de América do Centro e América do Sur, as relacións de España con Marrocos e Alxeria, etc.
O obxectivo desta xornada é analizar, baixo un formato áxil, a situación xeopolítica a nivel mundial, coa experiencia e o coñecemento de Jorge Dezcallar, quen foi director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) entre 2001 e 2004 e embaixador de España en Estados Unidos entre 2008 e 2012. Ademais, na súa ampla traxectoria profesional foi director xeral para África e Oriente Medio, director xeral de Asuntos Políticos e embaixador en Marrocos e ante a Santa Sé.

PUBLICIDADE