FEUGA trae a Santiago ao economista e experto en innovación Fernando Trías de Bes
luns, 26 de xuño do 2023
A
Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) organiza unha nova
xeira de divulgación do programa Encontro con..., centrada en
recursos que nos axuden a emprender e innovar en tempos complexos
dende o punto de vista económico. A nova cita será 27 de xuño, ás
12.30 horas, na sede compostelá de FEUGA. O evento estará
protagonizado polo economista, escritor internacional e experto en
innovación Fernando Trías de Bes.
Durante
unha hora analizará a situación económica baixo o epígrafe
Xestionar e innovar en tempos de inflación. Ao longo do seu
relatorio tratará, non só a situación actual, senón que expoñerá
as expectativas de futuro que se abren, sempre contando coa súa
experiencia no ámbito da innovación.
En
palabras de FEUGA, o encontro “permitirá coñecer a visión dun
dos principais economistas españois e escritor internacional, tanto
de ensaios económicos e empresariais como de ficción”. As súas
constantes investigacións nos ámbitos da economía e a sociedade,
prosegue a fundación, “fan de Trías de Bes un referente en
innovación disruptiva e un dos maiores expertos españois en todo o
relacionado co management das novas organizacións”. Os seus
libros foron traducidos a un total de 40 idiomas e leva vendidos máis
de cinco millóns de copias entre todos os seus títulos. É,
ademais, o único co-autor español onda Philip Kotler, o gurú
mundial da nova mercadotecnia.