FIC OnLan 2011: cinco xornadas de redes sen fin na Coruña

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O vindeiro 4 de marzo, e de aí ao longo de cinco xornadas, dá comezo a party FIC OnLan na Facultade de Informática da Coruña. O evento, organizado por Freak´s Party, é xa por dereito propio unha das grandes celebracións informáticas da nosa terra, non tanto pola capacidade de acoller multitudes (o aforo é amplo, habilitado para 400 internautas, pero non considerable) senón polo espírito que alenta. Un espírito que é o mesmo que move, os 365 días do ano, a quen bule na Rede para compartir cos demais o que sabe. Quen acuda á party coruñesa terá, amais do devandito, todo tipo de recursos dixitais ao seu alcance (nos que se inclúe unha rede local de 1 Gbps), concursos (de programación, videoxogos, deseño, fotografía, etc), torneos, relatorios e sesións de divulgación.
Polo que respecta aos relatorios e segundo contan os responsables da xuntanza, o abano temático será variado, abranguendo sobre todo as cuestións relativas ao futuro inmediato da información e a tecnoloxía.
Polo que respecta á natureza de FIC OnLan, dicir que é por dereito propio unha LAN party e, como tal, é unha xuntanza de lecer e de coñecemento. Ou sexa, que non estamos perante unha festa ao uso, con música a todo volume saíndo dos altofalantes, senón dunha concentración de amigos da tecnoloxía e a informática dispostos a compartir durante unhas datas determinadas as súas experiencias e traballos, promovendo dende o comezo da xuntanza o compañeirismo e a diversión no seu formato máis saudable.
A festa coruñesa da que estamos a falar está organizada pola Asociación Freak´s Party na Facultade de Informática da Coruña. O obxectivo é promover a cultura e a afección ás novas tecnoloxías. O colectivo organizador é unha entidade de alumnos da Facultade de Informática da Coruña que encamiñan o seu labor á realización e organización de todo tipo de actividades culturais e tecnolóxicas de divulgación; “empregando a party FIC OnLan”, comentan, “como palestra para novos eventos e relatorios, así como a FIC onWeb como plataforma para o desenvolvemento de novas ideas e dunha comunidade dedicada á aprendizaxe e a cultura tecnolóxicas”. Asemade, na súa axenda tamén teñen a FIC OnDev, un evento dirixido á captación e promoción de novos talentos.

Ficha Técnica
Organiza: Freak’’s Party
Datas: 4, 5, 6, 7 e 8 de Marzo.
Lugar: Facultade Informática da Coruña
Campus de Elviña, 15071 A Coruña
Aforo: 250 Prazas
Rede Local 1 Xbps
Salas habilitadas para durmir
Salas de relatorios
Servizo Bar
Conferencias
Obradoiros Creativos
Concursos
3 Proxectores
Colabora a Universidade da Coruña
Prezo: 25 euros
Entrada con PC
Entrada libre para prensa e persoal autorizado
Máis información en www.ficonlan.es
redes@ficonlan.es

PUBLICIDADE