FIFA 13 premiará as reservas en Xbox 360 e PlayStation 3

venres, 3 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Electronic Arts vén de anunciar 3 edicións exclusivas de FIFA 13 para PlayStation 3 e Xbox 360 que só poderán conseguirse mediante reserva e que terán un prezo adicional de 5 euros. Incluirán unha caixa metálica conmemorativa e 3 incentivos valorados en máis de 30 euros: o equipo Adidas All Star formado polos 23 mellores xogadores (como Leo Messi e Karim Benzema), o EA SPORTS Football Club (con 10.000 moedas virtuais para debloquear artigos como equipacións, celebracións especiais, melloras...) e 24 sobres de ouro para FIFA 13 Ultimate Team.
Estas edicións exclusivas para premiar a reserva de FIFA 13 estarán dedicadas ao Real Madrid, ao Valencia C.F. e a Leo Messi, como reflectirán as súas caixas.

FIFA 13 para Wii U

O GamePad de Wii U achegará información en tempo real sobre o xogo

Aparte das consolas mencionadas, o FIFA 13 tamén estará dispoñible para PS Vita, Wii, PC, PS2, Nintendo 3DS, PSP, iOS e Android, e aínda que neste momento non podemos precisar cando estará dispoñible o xogo para a nova Wii U (pois nin sequera se anunciou a data de lanzamento desta consola) xa hai quen puido probar esta versión do xogo, que consideran que finalmente conseguiu que unha consola de Nintendo puidese estar á altura do resto de consolas domésticas nun xogo de fútbol.
A Wii U non só terá un FIFA 13 en alta definición, senón que tamén poderán aproveitar de distintos xeitos o seu GamePad, que principalmente opera como unha pantalla secundaria con información complementaria ao que acontece no xogo, de xeito que a acción principal continúa no televisor, mentres que no dispositivo externo poderemos ver estatísticas, tácticas, formacións... deste xeito os xogadores afeitos ao FIFA non terán que aprender unha nova mecánica de xogo, á vez que permitirá que os xogadores que opten por empregar o mando Wii U Pro non padecerán unha desvantaxe competitiva.

Finalmente o FIFA dunha consola doméstica de Nintendo estará á altura das súas versións para PS3 e Xbox 360

PUBLICIDADE