FIFA 23 potenciará o fútbol feminino

martes, 19 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Electronic Arts vén de anunciar as estrelas que ocuparán a portada do FIFA 23, que por primeira vez terá a unha xogadora destacada na Ultimate Edition, dispoñible internacionalmente. Trátase da xogadora do Chelsea, Sam Kerr, quen compartirá portada con Kylian Mbappé do Paris Saint-Germain (quen leva así tres anos consecutivos na portada do xogo).
Dado que Kerr aparece nas imaxes coa camiseta do Chelsea feminino, podemos entender que a Women’s Super League, a primeira división de fútbol feminino en Inglaterra será unha das ligas que se estrearán na vindeira entrega do FIFA.
A franquía de fútbol de EA Sports leva dende FIFA 16 con presenza feminina, inicialmente en moi poucos modos de xogo, pero FIFA 23 podería ser a primeira edición na que se daría un peso importante ao fútbol feminino.

PUBLICIDADE