FX lanza un máis que completo simulador de trens
venres, 19 de xullo do 2013
FX
Interactive está a presentar estes días un xogo que fará as
delicias de todos aqueles que, coma os protagonistas da moi
recomendable película The
Station Agent, andan á caza dun mundo en constante movemento
e que, en ocasións, vese mellor dende fóra que de dentro: o mundo
dos trens. O xogo en cuestión chámase Trainz 12, e trátase
dun simulador ferroviario, en palabras de FX “o máis completo
do mundo, agora en español”. A achega, que como todos os
produtos de FX ten un prezo asumible (desta volta son case 20 euros,
pero con regalos a ter en conta), non vén soa. De feito, inclúese a
actualización SP1, desenvolvida polos creadores do xogo ao longo do
último ano, e de agasallo outro xogo: Take on Helicopters (PDF).
A novidade da que estamos
a falar permítenos, entre outras cousas, deseñar e construír todo
tipo de infraestruturas “con total liberdade e máximo realismo”
(vías, pasos a nivel, estacións, pontes, túneles, edificios, ríos,
montañas, estradas) e botar man dunha listaxe de 50 modelos de trens
que, segundo apunta FX, son un percorrido pola historia do
ferrocarril (hai locomotoras eléctricas e a gasóleo, de alta
velocidade e máquinas a vapor).
Tamén se nos pon ao alcance da man
un simulador que nos permite converternos en profesionais do
ferrocarril manexando os paneis interactivos que reproducen os
controis reais de cada un dos vehículos. O xogo incorpora, tamén, o
modo multixogador, dirixido a ofrecernos a posibilidade de compartir
a paixón polo eido do tren con seareiros de todo o mundo.
