Facebook, Instagram e Threads integrarán Notas da Comunidade a vindeira semana

xoves, 13 de marzo do 2025 Marcus Fernández

A primeiros de ano Meta anunciou que tiña previsto estrear un sistema de Notas da Comunidade nas súas plataformas sociais nos EE.UU., seguindo os pasos de X/Twitter, e finalmente esta importante novidade xa ten data de inicio das súas probas: o 18 de marzo.
As Notas da Comunidade comezarán a probarse en Facebook, Instagram e Threads nos EE.UU., e aseguran que xa se inscribiron 200.000 usuarios para participar neste programa de verificación de contidos, como alternativa á verificación profesional que se empregaba até o momento e que, polo momento, manterase na Unión Europea por imperativo legal (xa que eliminar os mecanismos de verificación actuais podería supor unha infracción da Lei de Servizos Dixitais e da Lei de Mercados Dixitais).
Este sistema permitirá a publicación de notas de até 500 caracteres acompañados por unha ligazón que sustente a información, aínda que a anotación realizada non será visible para o público até que reciba valoracións positivas por parte doutros usuarios que colaboren co programa de Notas da Comunidade (que participarán de xeito anónimo).
Os participantes neste novo programa deberán ser maiores de 18 anos, ter máis de 6 meses na plataforma sen infraccións e ter a súa conta protexida con verificación de dobre factor. Inicialmente o sistema funcionará en inglés, español, chinés, vietnamita, francés e portugués, ampliándose a máis linguas de xeito paulatino.
Dende Meta recoñecen que as súas Notas da Comunidade replicarán o funcionamento presente en X (que liberou tal algoritmo) e din confiar en que as Notas da Comunidade reduzan os nesgos do programa de verificación de terceiros, afirmación que semella atender a motivacións políticas, xa que até o momento os sistemas de verificación cinguíanse á verdade e buscaban protexer da desinformación, algo que certos grupos políticos consideran que atenta contra a liberdade de expresión.