Facebook, Instagram e TikTok incumpren as normas de transparencia fixadas por Europa

venres, 24 de outubro do 2025 Redacción

Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsable de Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia, foi a encargada de dar conta das conclusións preliminares

A Comisión Europea comunicou hoxe as súas conclusións preliminares nas que considera que tanto TikTok como Meta poderían estar incumprindo as súas obrigas de transparencia establecidas pola Lei de Servizos Dixitais (DSA). En concreto, Bruxelas sinala deficiencias no acceso que conceden aos investigadores aos datos públicos das plataformas, así como nos mecanismos de notificación de contidos ilegais e nos procedementos de apelación de decisións de moderación de contidos en Facebook e Instagram.
Segundo a investigación da Comisión, Facebook, Instagram e TikTok estableceron procedementos e ferramentas excesivamente complexos para que os investigadores poidan solicitar acceso a datos públicos. Isto tradúcese, segundo Bruxelas, en información parcial ou pouco fiable, o que dificulta estudos sobre cuestións como a exposición de menores a contidos ilegais ou prexudiciais. O acceso a estes datos considérase unha das obrigas de transparencia fundamentais da DSA, xa que permite examinar o impacto real das plataformas na saúde física e mental da cidadanía.
No caso de Meta, a Comisión tamén apunta que nin Facebook nin Instagram dispoñen dun mecanismo de Notificación e Acción doadamente accesible para sinalar contidos ilegais, como material de abuso sexual infantil ou contido terrorista. O sistema actual, segundo Bruxelas, impón pasos innecesarios e emprega patróns escuros (deseños de interface enganosos) que poden confundir ou desanimar os usuarios, reducindo a eficacia destes mecanismos.
A DSA tamén recoñece o dereito dos usuarios da Unión Europea a recorrer decisións de moderación de contido cando se elimina unha publicación ou se suspende unha conta. Porén, os procedementos de apelación de Facebook e Instagram non permiten achegar explicacións nin probas adicionais, o que, segundo a Comisión, limita a posibilidade de que os usuarios argumenten adecuadamente a súa discrepancia.
Estas conclusións baséanse nunha investigación en profundidade realizada en cooperación coa Coimisiún na Meán, a autoridade irlandesa competente en materia de servizos dixitais. Bruxelas subliña que se trata de conclusións preliminares que non prexulgan o resultado final.
Agora, Facebook, Instagram e TikTok poden examinar a documentación da investigación e responder por escrito ás observacións da Comisión, así como adoptar medidas correctoras. O Consello Europeo de Servizos Dixitais será consultado en paralelo.
Se finalmente se confirma o incumprimento, a Comisión poderá ditar unha decisión de non conformidade e impoñer multas de ata o 6 % da facturación mundial anual das compañías, ademais de sancións periódicas para garantir o cumprimento.