Facebook actualiza o formato das súas Notas

luns, 28 de setembro do 2015 Marcus Fernández

As novas Notas inclúen imaxes aliñadas con pé e fotografías de portada, o que fai máis atractiva a publicación de entradas longas dentro de Facebook

Tras filtrarse algún detalle no mes de agosto, finalmente confírmase a primeira actualización do servizo de Notas de Facebook dos últimos 5 anos, de xeito que preténdese recuperar unha funcionalidade esquecida pola meirande parte dos usuarios, e que busca claramente manter aos usuarios dentro da plataforma social animando aos creadores de contidos a publicalos directamente en Facebook en vez de enlazar a servizos externos.
As novas Notas de Facebook deberían de estar xa dispoñibles para todos os usuarios do servizo, e serían unha funcionalidade para publicar anotacións que vaian máis aló de actualizacións de estado, ou sexa, un formato de publicación de artigos de certa lonxitude, que utilicen imaxes e texto enriquecido, e que agora adoptan unha estética semellante á de Medium, unha plataforma que está a converterse en todo un estándar para a publicación de artigos soltos.
Co novo formato non só podemos formatar o texto para representar titulares, citas, listaxes... senón tamén engadir imaxes que podemos aliñar e engadirlle pés de foto e, como elemento novo máis destacable, as publicacións poden agora ter unha fotografía de portada que represente claramente de que vai a anotación. Deste xeito temos un formato de publicación moito máis visual e atractivo, que posiblemente vai gañando peso nas vindeiras semanas segundo os usuarios vaian descubrindo este novo xeito de publicar textos que antes limitaban a blogs e outros servizos en liña.

PUBLICIDADE