Facebook anuncia que promoverá os contidos orixinais no taboleiro de novas

martes, 30 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Para moitos usuarios o taboleiro de novas de Facebook xoga un papel moi importante na súa dieta informativa, que por desgraza atópase sumamente intoxicada polas falsidades que proliferan na Rede e, moi especialmente, na plataforma social de Mark Zuckerberg, que unha vez máis promete que vai dar prioridade ás novas de calidade que proveñan de medios fiables e que teñan unha autoría clara.
Facebook promete dar unha maior relevancia aos artigos xornalísticos orixinais, ou sexa, que dará máis valor a reportaxes de investigación que desvelan feitos e datos de interese, así como de retransmisións que dean testemuños de interese, pero esta aposta polo xornalismo resulta bastante difícil de crer, xa que é unha promesa repetida en numerosas ocasións, e o feito de que anuncien que vai comezar por medios en inglés dá a entender que non avanzaron absolutamente nada tras os anuncios anteriores de apostar polas novas de calidade.
Desta volta o máis curioso é que Facebook anuncie que vai distinguir os artigos que estean asinados polo redactores dos medios, xa que entende que é un xeito de evitar contidos publicitarios ou que simplemente empregan cebos para captar a atención do público sen ter detrás información de calidade ou utilidade.
Faceobok asegura que as novas medidas que aplicarán mellorará a distribución de contidos orixinais por parte dos medios en liña, que nos últimos anos puideron ver como cada vez resultáballes máis difícil facerse un oco entre contidos de baixa calidade que simplemente buscaban captar a atención aproveitando que Facebook prima prácticas como o clickbait, que consegue un alto nivel de interacción pese a levar a contidos que os usuarios non queren realmente promover.

PUBLICIDADE