Facebook avisará cando alguén saia nunha fotografía aínda que estea sen etiquetar

mércores, 20 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Para poder xestiona a nosa identidade dixital Facebook permítenos saber cando alguén nos etiqueta nunha fotografía, para que así podamos decidir se queremos manter tal etiqueta ou incluso solicitar o borrado da imaxe, pero agora queren levar esta tecnoloxía máis aló, e están a implantar ferramentas opcionais que potenciarán estas funcións grazas ao recoñecemento facial, de xeito que non só recibiremos avisos cando alguén nos etiquete, senón tamén cando Facebook pense que figuramos nunha fotografía, o que permitirá evitar que outros usuarios empreguen a nosa imaxe como fotografía de perfil (algo demasiado frecuente no caso de contas falsas creadas por bots) e tamén permitiramos coñecer as fotografías publicadas en Facebook coa nosa imaxe nas que non se nos etiquete (para poder actuar en consecuencia).
Cando recibamos un aviso de Facebook por considerar o seu sistema de recoñecemento facial que nos identificou nunha imaxe poderemos optar por etiquetarnos, por deixarnos sen etiquetar ou saber máis sobre quen publicou a imaxe (por se temos algún problema con iso). Iso si, non recibiremos aviso se a imaxe na que saímos non nos inclúe entre a súa audiencia (por compartirse cun axuste de privacidade limitado).
Esta tecnoloxía tamén aplicarase para incrementar a accesibilidade de Facebook, de xeito que permitirá que as persoais con eivas visuais poidan saber quen aparece nunha fotografía aínda que estea sen etiquetar.
A tecnoloxía de recoñecemento facial poderá activarse ou desactivarse dentro das opcións de configuración de Facebook, pero polo momento non teremos esta tecnoloxía na Unión Europea, onde a lexislación pon reparos ao seu uso indiscriminado.

PUBLICIDADE